DeportesÚltima hora

O trivés Xoel García, unha xove promesa da BTT na Escola de Ciclismo de Maceda

 

Dende ben meniño gústalle o ciclismo. Especialmente a BTT e o descenso. E, tras anotarse o pasado ano ao club de ciclismo de Trives, uns meses despois, en setembro de 2025, decidía entrar na Escola de Ciclismo de Maceda. E así o fixo. Dende entón, Xoel García Carballo, de 9 anos, acode cada semana a adestrar, en concreto os xoves. E despois, nas fins de semana vai a carreiras, onde compite a nivel galego en categoría Principiante B.

“Está contento e ilusionado, non é moi competitivo, sobre todo gústalle participar nas competición”, comenta a súa mai, María José. Á marxe dos adestramentos, acostuma saír en bici na zona na que vive e nas fins de semana, cando non está en carreiras, encántalle facer descenso.

 

 

Detrás desta afección hai tamén moi esforzo e sacrificio, tanto por parte do neno como dos seus pais, con viaxes cada semana a Maceda para adestrar e con desprazamentos ás provincias de Coruña e Pontevedra, onde son a meirande parte das probas, que implican marchar a véspera da cita ou ben madrugar moito. “Hai ocasións nas que non podes ir o día anterior, entón nós madrugamos, pero el tamén, ás veces ás 6h. temos que saír de Trives para chegar ao lugar da carreira, porque ten que estar antes e recoñecer o circuíto”, comenta a súa mai.

 

 

Pero, a ilusión deste cativo pola BTT paga a pena e a súa intención é continuar neste deporte, pese ao esforzo e complicacións que implica facelo dende o rural.

Fotos cedidas.

 

Back to top button