Con moito esforzo e creatividade, a veciñanza das rúas San Roque, Real e da totalidade de San Mauro (hoxe cortadas ao tráfico) dabánlle esta mañá de domingo os últimos retoques as alfombras florais que engalanan a parte antiga da vila con motivo da celebración do Corpus Christi. Neste labor foi tamén moi importante a colaboración das persoas voluntarias que na fin de semana se achegaron ata alí para colaborar na elaboración destes tapices.
Empregando diversos materiais, dende follas de árbores como o teixo, flores e outros elementos vexetais ata sal ou serrín, realizaban fermosas alfombras con motivos alusivos a esta celebración relixiosa.
A celebración do Corpus Christi no Barco comezaba ás 12h. coa misa na igrexa de Santa Rita e continuará cunha procesión que percorrerá a estrada xeral da vila ata entrar, por San Roque, na zona vella e finalizar na igrexa de San Mauro.
A veciñanza da zona antiga da vila agradece a colaboración das persoas que se achegaron nesta fin de semana de forma voluntaria para axudar coas alfombras.
Fotos: A.R.
