
A Deputación de Ourense dedica neste mes de xuño o recoñecemento do programa “8M, Mes a Mes” a Ana María López Calvete, decana do Ilustre Colexio de Procuradores de Ourense e primeira muller na historia desta institución en acceder ao decanato.
Natural de Cartelle e licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, Ana María López Calvete conta con máis de tres décadas de exercicio profesional no ámbito da procuradoría, unha profesión esencial para o funcionamento da Administración de Xustiza polo seu labor de intermediación, impulso procesual e apoio á axilidade dos procedementos xudiciais.
Coa súa homenaxe, a Deputación de Ourense quere visibilizar unha traxectoria marcada polo compromiso institucional, a vocación de servizo público e a defensa da modernización da xustiza. Ao longo da súa carreira, López Calvete foi testemuña e protagonista de dúas transformacións fundamentais: a crecente presenza das mulleres no ámbito xudicial e a implantación dos avances tecnolóxicos nunha profesión que foi pioneira na dixitalización da xustiza.
Desde decembro de 2023 exerce como decana do Colexio de Procuradores de Ourense, responsabilidade que compaxina coa súa vocalía no Consello Galego da Procuradoría e coa docencia no Máster de Acceso á Avogacía e á Procuradoría, contribuíndo á formación das novas xeracións de profesionais.
A homenaxeada mantén ademais unha intensa defensa do papel da procuradoría como peza clave para mellorar a eficacia do sistema xudicial, especialmente na fase de execución, onde reclama maiores competencias que permitan axilizar os procesos e ofrecer unha resposta máis útil á cidadanía.
A través do programa “8M, Mes a Mes”, a Deputación de Ourense continúa recoñecendo o talento, o liderado e a pegada das mulleres ourensás en distintos ámbitos da sociedade. Neste caso, a institución provincial pon o foco nunha muller que representa o liderado con rostro humano, a excelencia profesional e o compromiso coa súa terra, tal e como explica a deputada Teresa Barge, responsable desta campaña mensual da institución provincial.