CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O CEIP Manuel Respino da Rúa, seleccionado entre os 20 centros recoñecidos nos “Retos STEM Polos Eclipsados”

A súa proposta de divulgación científica é un podcast titulado “Zona de totalidade” arredor da eclipse solar total de 2026

 

O CEIP Manuel Respino da Rúa foi seleccionado entre os 20 centros recoñecidos na convocatoria dos Retos STEM Polos Eclipsados, promovida pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional con motivo da eclipse solar total que terá lugar o 12 de agosto de 2026.

Co título “Zona de totalidade” a actividade premiada consiste nun podcast de divulgación científica elaborado polo alumnado de 6º de Primaria a través da cal os nenos e nenas “investigaron sobre os eclipses solares, a umbra e a penumbra, a importancia da observación segura e o papel privilexiado de Galicia neste fenómeno astronómico”, explican dende o centro escolar rués que recibirá hoxe o recoñecemento correspondente na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, onde a proposta será exposta nun stand. Alí, o alumnado participante explicará ao público e á comunidade educativa como desenvolveu o proxecto, desde a documentación científica inicial ata a gravación das voces, a realización de entrevistas, a edición do son e a difusión da actividade.

 

 

O podcast inclúe tamén a sección “As voces da eclipse”, na que o alumnado saíu á contorna para recoller opinións e coñecementos da cidadanía sobre este acontecemento astronómico. Deste xeito, a iniciativa “non só traballa a competencia científica e dixital, senón tamén a comunicación oral, a participación social e a conexión do centro coa súa vila”.

Coordinado por Emilio Manuel González López, coordinador de Polos Creativos e docente responsable da actividade, contnando coa colaboración do Equipo TIC do centro, para a elaboración deste proxecto empregaron “ferramentas dixitais como Audacity para a gravación e mellora do son, Filmora para a montaxe posterior e Canva para a difusión da actividade na páxina web do centro”, explican dende o CEIP Manuel Respino, salientando que este recoñecemento “supón unha importante motivación para seguir impulsando proxectos nos que o alumnado aprenda facendo, investigue sobre problemas reais e comparta o coñecemento coa comunidade”.

 

 

“Zona de totalidade” naceu co obxectivo de “axudar a comprender a eclipse solar total de 2026” e de lembrar unha mensaxe esencial “mirar ao ceo tamén require curiosidade, ciencia e responsabilidade” e con ela  o Manuel Respino “reafirma o seu compromiso coa innovación educativa, coa divulgación científica e co desenvolvemento das competencias STEM desde a Educación Primaria”, conclúen.

 

 

Fotos cedidas.

Back to top button