
A Deputación de Ourense, a través do Inorde e co apoio da Xunta, impulsa a sexta edición da Xurés Bike Tour, unha proba de bicicleta de montaña “consolidada xa como unha das citas deportivas e turísticas máis destacadas do calendario provincial” que se desenvolverá os días 13 e 14 de xuño nos concellos de Bande e Muíños, con percorridos que tamén atravesan o municipio de Lobeira, no corazón do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.
A presentación oficial da proba tiña lugar hoxe no Miradoiro do Monte do Viso, en Lobeira, coa participación do presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; representantes dos concellos implicados; a xerente do Inorde, Emma González; e o director técnico da competición, Serafín Martínez.

Durante a súa intervención, Rosendo Fernández subliñou que a Xurés Bike Tour “exemplifica á perfección a aposta da Deputación e do Inorde polo turismo deportivo como ferramenta para dinamizar o territorio e poñer en valor os recursos naturais e patrimoniais da provincia”. O presidente do Inorde destacou ademais que, ao tratarse dunha competición de dous días de duración, “contribúe a atraer visitantes e acompañantes que xeran actividade económica nos establecementos hostaleiros e comerciais da comarca”.

A competición contará con arredor de 150 deportistas procedentes de distintas provincias españolas e portuguesas. Os participantes poderán competir de forma individual ou por parellas, en equipos masculinos, femininos ou mixtos. A Xurés Bike Tour desenvolverase en formato challenge, con dúas etapas puntuables. A primeira delas, a “Muíños Bike Marathon”, disputarase o sábado 13 de xuño con saída no Complexo Turístico-Deportivo do Corgo. Cun percorrido de 60 quilómetros e preto de 1.800 metros de desnivel acumulado, atravesará algúns dos espazos máis emblemáticos e espectaculares do Xurés, como o Alto de Picós, Salgueiro, Pitões das Júnias ou Xermade.
A segunda etapa, denominada “Bande Bike Marathon”, celebrarase o domingo 14 de xuño con saída en Bande e percorrido por diferentes puntos de interese paisaxístico e patrimonial da contorna, entre eles Taboazas, Nosa Señora do Viso, Corga do Porto e o Alto de Lebosandaus.

