
Os servizos de emerxencias tiñan que excarcerar a unha persoa logo dunha colisión entre dous coches en Coles, tal como indican dende o 112 Galicia que tiña constancia pouco despois das 17 horas dun accidente frontal entre dous coches no quilómetro 247 da N-525, en Gustei (Coles). “No interior dun dos vehículos había unha persoa atrapada que permanecía consciente, mais precisaba asistencia sanitaria”, explican.
Con esta información os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activaban un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros do Carballiño, o GES do Pereiro de Aguiar e os voluntarios de Protección Civil de Coles.
“A persoa foi excarcerada polos efectivos do parque do Carballiño e, a continuación, atendida polos servizos sanitarios desprazados ao punto en ambulancia”, indican dende o 112.
