
A correcta xustificación das axudas públicas foi o eixo central da xornada organizada por Conecta Ourense, iniciativa da Xunta de Galicia a través do Igape e da CEO. Baixo o título ‘Teño unha axuda concedida… e agora que?’, a sesión estaba dirixida a empresas e profesionais interesados en coñecer as claves para asegurar o cobramento efectivo das subvencións concedidas.
Na presentación interviñan José Antonio Rodríguez, presidente do colectivo empresarial do Polígono de San Cibrao, quen destacou a importancia de traballar cos aspectos prácticos e coa axuda de expertos para xustificar debidamente as subvencións. Pola súa banda a alcaldesa de San Cibrao, Marta Nóvoa, fixo fincapé na grande cantidade de axudas que hai actualmente para o tecido empresarial, sobre todo por parte do Igape, un organismo ‘que coñece o territorio, traballa nel e sabe dos problemas das empresas’. Por último, Jaime Pereira, secretario xeral da CEO, emprazou ás empresas a achegarse a Conecta Ourense sempre que teñan proxectos que levar a cabo, para que desde esta oficina a CEO poida axudar ás empresas a detectar potencial, e localizar e conseguir os apoios públicos máis axeitados para cada caso.
Durante a sesión púxose de manifesto que a concesión dunha axuda non supón o final do proceso administrativo. Pola contra, a fase de xustificación constitúe un dos momentos máis decisivos, xa que os erros nesta etapa poden comprometer o cobramento da subvención ou mesmo derivar na obriga de reintegrar os importes percibidos.
Para entrar en materia nos erros máis frecuentes e as boas prácticas para evitalos, a sesión contou coa achega das subdirectoras do Igape Laura Almeida e Placeres Conde, e da responsable de Conecta Ourense, María Fernández. A xornada permitiu analizar eses erros que se producen na tramitación das axudas, entre eles a presentación de documentación incompleta, a falta de trazabilidade nos pagamentos, o incumprimento dos prazos establecidos ou a inclusión de gastos non subvencionables. As relatoras destacaron que unha parte moi importante das incidencias detectadas nos expedientes prodúcese precisamente na fase de xustificación, o que provoca atrasos na súa resolución e no pagamento das axudas. Por iso, entre as recomendacións trasladadas aos asistentes destacou a necesidade de planificar a xustificación desde o inicio do proxecto, revisar detalladamente as bases reguladoras, organizar adecuadamente toda a documentación e anticiparse aos prazos de presentación para evitar erros de última hora.

A sesión completouse cun caso práctico centrado nunha liña concreta de axudas, a de Exporta Empresas Galicia 2026, unha das convocatorias de referencia para apoiar os procesos de internacionalización das pemes galegas e das que maior dificultade técnica presenta á hora de xustificar. A través deste exemplo analizáronse os requisitos específicos da convocatoria, a documentación necesaria para a súa xustificación e as boas prácticas que permiten reducir incidencias e axilizar o cobramento.
Desde Conecta Ourense subliñouse que unha boa planificación e unha correcta organización documental son factores determinantes para converter unha axuda concedida nunha axuda efectivamente cobrada, contribuíndo así a que as empresas poidan aproveitar plenamente os recursos públicos postos á súa disposición.
