ConcellosO CarballiñoÚltima hora

Emilio Butrageño visita O Carballiño para presentar o Campus Experience da Fundación Real Madrid

A provincia de Ourense acollerá por primeira vez este campus que se celebrará do 22 ao 26 de xuño

 

A provincia de Ourense acollerá por primeira vez o Campus Experience da Fundación Real Madrid, unha iniciativa educativa e deportiva dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 14 anos que se celebrará do 22 ao 26 de xuño no Carballiño.

A presentación oficial do campus tiña lugar na mañá deste xoves 11 de xuño no campo de fútbol da Uceira, nun acto no que participaron o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o director de Relacións Institucionais do Real Madrid, Emilio Butragueño; o responsable de Relacións Institucionais da Fundación Real Madrid, Félix González; a responsable da área de Campus e Clínics da Fundación Real Madrid, Pablo Gómez, e o alcalde en funcións do Carballiño, José Castro Gil.

Durante a súa intervención, Luis Menor destacou a importancia dunha iniciativa que converte a Ourense na primeira provincia galega en albergar un Campus Experience da Fundación Real Madrid, subliñando que se trata de “moito máis que unha actividade deportiva de verán”. “O deporte ten a capacidade de ensinar moito máis que unha técnica ou unha táctica. Ensina esforzo, compañeirismo, respecto, disciplina, capacidade de superación e traballo en equipo. Valores que serven para marcar goles, pero, sobre todo, para afrontar a vida”, sinalou o presidente provincial.

 

 

Menor incidiu ademais en que o principal obxectivo do campus non é a detección de talento deportivo, senón a formación integral dos participantes a través dos valores asociados ao deporte. “O obxectivo deste campus non é descubrir ao próximo xogador do Real Madrid; o obxectivo é axudar a formar mellores persoas a través dos valores do deporte”, afirmou. O presidente da Deputación puxo en valor a elección do Carballiño como sede desta primeira edición, destacando a tradición deportiva do municipio, a súa aposta polo deporte basee e a súa localización estratéxica dentro da provincia, que facilitará a participación de nenos e nenas procedentes de numerosos concellos.

Pola súa banda, Emilio Butragueño mostrou a súa satisfacción pola chegada do proxecto a Ourense e expresou a súa confianza no éxito desta primeira experiencia en Galicia. “Estou convencido de que esta primeira edición no Carballiño será un éxito. Pero, sobre todo, estou convencido de que será unha experiencia que deixará pegada entre quen participe”, sinalou o director de Relacións Institucionais do Real Madrid.

Formación en valores

 

 

O Campus Experience é un programa impulsado pola Fundación Real Madrid que se desenvolve desde fai máis dunha década e que combina o ensino dos fundamentos técnicos e tácticos do fútbol coa formación en valores como o respecto, o esforzo, a iniciativa, a autodisciplina e o traballo en equipo.

Alén da actividade deportiva, o campus incorpora contidos relacionados co desenvolvemento de habilidades sociais, a convivencia, os hábitos saudables e a educación nutricional, ofrecendo unha experiencia formativa integral para os participantes.

A iniciativa permitirá que un centenar de nenos e nenas poidan desfrutar no Carballiño dunha metodoloxía educativa recoñecida internacionalmente, reforzando ao mesmo tempo a promoción do deporte basee e a dinamización social e económica do territorio.

A inscrición realízase a través da páxina web Campus Experience Fundación Real Madrid, apartado “Campus institucionais”, O Carballiño , onde aparece toda a información. Hai 100 prazas dispoñibles e grazas á achega da Deputación de Ourense a inscrición ten un prezo de 160 euros.

 

 

Visita ao Concello

A Casa Consistorial acolleu esta mañá a recepción oficial a Emilio Butragueño, referente futbolístico a nivel nacional e internacional. José Castro-Gil e Manuel Dacal recibírono no salón de plenos e en sinal de agradecemento pola súa visita, entregáronlle como agasallo unha pulpeira do Carballiño.

Back to top button