
Axentes da Policía Nacional veñen de proceder á detención dunha persoa como presunta autora dun delito de roubo con violencia e doutros tres delitos leves de furto, realizados todos eles nun mesmo supermercado, situado no centro da cidade.
“Os dous primeiros feitos tiveron lugar no mes de outubro do ano pasado, cando o presunto autor ocultou diferentes produtos do interior do supermercado entre as súas roupas, pasando pola liña de caixas sen abonar o seu importe e marchándose do lugar”, segundo a Policía Nacional.
A principios do mes de maio, o mesmo autor regresou ao establecemento e co mesmo modus operandi, volveu ocultar diversos produtos entre a súa roupa e ao exceder a liña de caixas, iniciou un forcexo cunha das traballadoras do establecemento que descubriran o furto.
“Tras acudir outra traballadora en axuda da anterior para intentar que non abandonase o establecemento cos efectos subtraídos, o autor conseguiu mediante o exercicio da violencia, fuxir á carreira do lugar, sen ser alcanzado”, prosegue a Policía Nacional.
Días despois deste último suceso, o mesmo autor dos feitos volveu cometer outro delito leve de furto de iguais características dos dous primeiros.
Así, que tras ter coñecemento dos feitos denunciados, procedeuse a realizar unha investigación de todos eles, por parte de axentes de Policía Nacional pertencentes á Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (UDEV) da Comisaría Provincial de Ourense quen logrou a identificación do presunto autor e a súa posterior localización, detención e posta ao dispor xudicial.
