
O BNG vén de emitir esta tarde un comunicado de prensa, asinado polo seu voceiro municipal no Barco, Manuel Agra; no que critica “a falta de información e actuación por parte o goberno municipal do Concello do Barco ante os distintos vertidos que se están a producir no río Sil e afluentes”.
Aseguran os nacionalistas que “nestes días eran augas fecais que terminaban no Sil tras baixar polo Cigüeño, sen que o Concello dese cumprida información, limitándose a indicar que se prohibía o baño. Tamén estes días soubemos que a tubería que parte do aliviadoiro do Malecón verte auga de cor no río, inda que o tempo sexa seco e caloroso, sen tampoco recibir información por parte do goberno local. Igualmente, hai outro vertido de auga non limpa no Sil á altura das Areas de Viloira. Por outro lado, vemos como o Sil trae continuamente escuma e unha aparente capa de graxa que impide ver o fondo do río, sen que tampouco teñamos máis información”.
Así mesmo, o grupo do BNG do Barco apunta que “sabemos que o río Sil é a alma e o motor económico do Barco. Define completamente a nosa xeografía, a nosa identidade urbana e o noso desenvolvemento. Camiñar á súa beira é un privilexio e mais na época de verán e de calor”.
Neste senso, o BNG do Barco pídelle ao Concello “que dea información á veciñanza, aclare a orixe, a importancia e poña remedio a estes varios vertidos. De non ser así, solicitaremos un pleno extraordinario para tratar este tema que é para o noso concello -e comarca- de vital importancia. Necesitamos un río Sil limpo”.
