
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra desenvolve durante estas semanas unha destacada programación de accións promocionais orientadas a reforzar a presenza e o posicionamento dos seus viños entre profesionais con capacidade de prescrición e comercialización, tanto no ámbito nacional como internacional.
A participación en Experiencia Verema Córdoba, a visita dunha delegación da ONAV (Organización Nacional Italiana de Catadores de Viño) e a organización dun ciclo de catas técnicas en distintos mercados estratéxicos forman parte dunha estratexia destinada a achegar a singularidade dos viños da Ribeira Sacra a sumilleres, catadores profesionais, distribuidores e responsables de compra da canle HORECA.
O próximo 16 de xuño, a D.O. Ribeira Sacra recibirá a visita dunha delegación da Organización Nacional Italiana de Catadores de Viño (ONAV), unha das entidades de referencia no ámbito da formación, análise e divulgación vitivinícola en Italia.
Durante a súa estancia celebrarase unha presentación e cata comentada dos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que permitirá aos participantes coñecer as características diferenciadoras das elaboracións amparadas pola denominación, así como a diversidade de estilos e variedades presentes no territorio.
A xornada completarase con visitas a adegas e viñedos da denominación, ofrecendo aos profesionais italianos a oportunidade de achegarse á realidade da viticultura heroica e coñecer de primeira man as particularidades dunha das paisaxes vitivinícolas máis singulares de Europa.
Madrid abrirá o ciclo de catas técnicas para profesionais da hostalaría e da restauración
Dous días despois, o 18 de xuño, o Consello Regulador celebrará en La Caníbal (Madrid) a primeira das catas técnicas impartidas por Juan José Figueroa Treus, presidente da Asociación Galega de Sumilleres. A sesión comezará ás 18:00 horas e contará cunha asistencia prevista de arredor de 30 profesionais, entre os que figuran representantes dalgúns dos establecementos máis destacados do panorama gastronómico nacional, como DiverXO, Hotel Santo Mauro, Playing Solo e outros locais de referencia.O programa continuará posteriormente en Bizkaia e en Cantabria.
Máis de trinta referencias para amosar a diversidade da denominación
As distintas sesións reunirán arredor de 25 sumilleres e profesionais da canle HORECA e permitirán descubrir unha ampla representación dos viños amparados pola D.O. Ribeira Sacra.
Madrid
• 9 adegas participantes.
• 13 referencias (3 brancos e 10 tintos).
Bizkaia
• 10 adegas participantes.
• 14 referencias (4 brancos e 10 tintos).
Cantabria
• 8 adegas participantes.
• 12 referencias (3 brancos e 9 tintos).
Durante as catas degustaranse viños das anadas 2020, 2021, 2022, 2024 e 2025, incluíndo elaboracións de Godello, Godello Barrica, Mencía, Mencía Garda e Tinto Ribeira Sacra.
Estrea da D.O. Ribeira Sacra en Experiencia Verema Córdoba
O pasado 8 de xuño, o Consello Regulador participou por primeira vez en Experiencia Verema Córdoba, un dos encontros itinerantes de referencia organizados por Verema para profesionais do sector vitivinícola.
Durante a xornada, celebrada no Hotel Eurostars Palace, presentáronse dez referencias elaboradas por seis adegas da denominación. Os asistentes puideron coñecer distintas elaboracións de Godello, Mencía e Tinto Ribeira Sacra, así como viños de garda e referencias con crianza en barrica, representativas da riqueza e evolución enolóxica da Ribeira Sacra.
A atención ao público profesional correu a cargo de Ruth Fernández Vidal, responsable dos labores de información, divulgación e promoción dos viños da denominación.
O perfil dos asistentes estivo integrado maioritariamente por profesionais da canle HORECA (53 %), distribuidores (20 %), tendas gourmet especializadas (15 %) e representantes de asociacións e colectivos profesionais (12 %).
Promoción e posicionamento en mercados estratéxicos
Con esta intensa programación de actividades, o Consello Regulador continúa apostando pola promoción especializada como ferramenta para reforzar a presenza dos viños da D.O. Ribeira Sacra nos mercados nacionais e internacionais.
Estas accións contribúen a incrementar a visibilidade da denominación, consolidar a relación cos principais prescritores do sector e poñer en valor a diversidade, a calidade e a personalidade dos viños elaborados na Ribeira Sacra, un dos territorios vitivinícolas máis singulares de España.
