
Ampliar a documentación e o coñecemento sobre estes lugares vinculados coas orixes da Ribeira Sacra. Con este obxectivo reiniciaranse o martes, 16 de xuño os traballos arqueolóxicos nos sitios medievais do Preguntoiro (Pantón, Lugo), que se adiadaban no verán do 2025 por culpa dos lumes forestais. Esta actuación, financiada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e coa colaboración do Concello de Pantón. A intervención conta cun orzamento de 17.061 euros e os traballos de campo desenvolveranse ata o 23 de xuño.
Os xacementos do Preguntoiro 1 e 2 sitúanse preto do lugar de Cibrisqueiros, na parroquia de San Vicenzo de Pombeiro, no concello lucense de Pantón. En concreto, estes dous sitios localízanse ao pé do camiño tradicional que transcorre a media ladeira entre os lugares de Cibrisqueiros e San Cosmede (hoxe convertida nunha ruta de sendeirismo), a escasos 200 metros entre si, conformando un socalco artificial que cara ao oeste mira ao río Sil, nunha zona de fortes pendentes e afloramentos graníticos. Nestes sitios mantense unha serie de elementos histórico-arqueolóxicos que apuntan a súa vinculación coa orixes cristiáns e a fundación dos primeiros mosteiros na Ribeira Sacra na alta Idade Media, segundo o equipo de investigadores que levarán a cabo a intervención.

“No sitio do Preguntoiro 1 conservábase a vista 3 tumbas antropomorfas escavadas na rocha, unha pía rectangular e unha inscrición rupestre datada no século X despois da nosa era, ademais a tradición oral situaba aquí a existencia dunha antiga ermida baixo a advocación de San Xoán Degolado. Todos estes elementos fixeron que o lugar fose considerado polos especialistas como un eremitorio, orixe do mosteiro de San Vicenzo de Pombeiro, sito a menos dun quilómetro do Preguntoiro. Desde o ano 2021 neste sitio leváronse a cabo unha serie de campañas arqueolóxicas que contribuíron a un mellor coñecemento e documentación deste espazo simbólico e da súa contorna”, segundo o arqueólogo Xurxo Ayán Vila, director da intervención.
Eses traballos arqueolóxicos consistiron fundamentalmente na limpeza e roza do xacemento, no estudo epigráfico das inscricións alí conservadas, na prospección arqueolóxica da contorna para a súa contextualización dentro do ámbito da Ribeira Sacra, na escavación arqueolóxica dunha superficie duns 150 m2 e nos traballos de conservación e consolidación das estruturas exhumadas.

Os resultados máis destacados destas intervencións foron “a constatación da existencia da ermida de San Xoan Degolado. As escavacións arqueolóxicas permitiron exhumar os alicerces da súa planta que presenta unha orientación que responde aos canons das igrexas cristiás, coa cabeceira ao leste. Esta capela conta cunha superficie total de 67 m2, sendo o espazo interior de 39 m2 e presenta unha única nave cadrada, de 5,50 m de lado interior, e cabeceira rectangular de 2,60×3,20 m”, lembra Ayán. Durante as escavacións arqueolóxicas tamén saían á luz restos arquitectónicos diseminados polo lugar, destacando a localización dunha peza que formaría parte dun rosetón de granito. “Mailo proceso de espolio sistemático e amortización deste edificio relixioso, constatouse que a súa arquitectura é moito máis complexa e se estendería cara ao norte onde se localizaron novos muros e gabias de cimentación precedentes á construción da ermida, así como unha clara estrutura muraria acaroada, de considerables dimensións”.
Outro resultado salientable logrado polo labor dos investigadores era a definición da área de necrópole. “Comprobouse que a necrópole altomedieval do Preguntoiro é un camposanto que obedece a unha lóxica espacial e ordenación interna, cunha orientación e un aliñamento leste-oeste. Esta necrópole estaría conformada por dous sartegos antropomorfos e outro apenas esbozado sen rematar, aínda que o descubrimento dun cuarto sartego antropomorfo escavado na rocha baixo os alicerces da capela e un quinto na campaña do 2024 abre a posibilidade da existencia de máis enterramentos no lugar”, continúa Ayán.

Por outra banda, o xacemento do Preguntoiro 2 localizouse no ano 2020. Neste sitio existen, no interior e a carón dunha construción tradicional rectangular (que con toda probabilidade abranguería unha adega na planta baixa e a vivenda na superior), toda unha serie de cruces inscritas nunha enorme rocha que aparece recortada e unha inscrición que pola grafía semella ser altomedieval (ARRIV?). No ano 2022 realizáronse dúas sondaxes para avaliar o potencial estratigráfico do lugar.
Tendo en conta os valores culturais que posúe os xacementos arqueolóxicos do Preguntoiro 1 e 2, cun enorme potencial para investigar a xénese da paisaxe cultural da Ribeira Sacra na alta Idade Media, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da súa Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, considerou de interese continuar cos traballos arqueolóxicos nestes xacementos.

Actuacións na campaña 2025/26
Esta campaña arqueolóxica, que agora se retoma, iniciouse en setembro do ano 2025 pero aos poucos días do comezo dos traballos tivo que adiarse por culpa do lume forestal que afectou á Ribeira Sacra neste sector do Canón do Sil, chegando as lapas ata xusto ao pé do xacemento. “A actuación centrarase fundamentalmente na escavación do sector sur do xacemento do Preguntoiro 1 coa finalidade de localizar posibles novos enterramentos de cara a súa documentación e revalorización deste sitio histórico para o seu aproveitamento como recurso turístico-cultural no marco da paisaxe cultural da Ribeira Sacra. Tamén se actuará no Preguntoiro 2 no que fundamentalmente se levará a cabo a escavación en área do interior da construción tradicional para determinar a existencia de estruturas en negativo traballadas no chan retallado que poderían estar vencelladas coa ocupación altomedieval do sitio”, adianta Xurxo Ayán.
En concreto, as actuacións que se desenvolverán nesta intervención serán traballos de investigación e documentación, así como a escavación arqueolóxica dos xacementos do Preguntoiro 1 e 2, nunha superficie estimada nuns 60 m2, distribuídos da seguinte maneira:
◦ Continuación da escavación arqueolóxica do xacemento do Preguntoiro 1 no seu fronte sur, nunha superficie estimada duns 20 m2, coa finalidade de definir e delimitar posibles novas tumbas de inhumación.
◦ Escavación arqueolóxica duns 40 m2 do xacemento do Preguntoiro 2 que abranguerá tanto o interior da construción tradicional coma ao sector norte da súa contorna exterior, coa finalidade de liberar toda a rocha de base e identificar posibles estruturas en negativo.
Tamén se realizará o levantamento topográfico xeorreferenciado, mediante fotogrametría 3D, das áreas de actuación e debuxo arqueolóxico das estruturas localizadas; un rexistro fotográfico e videográfico da actuación arqueolóxica, un estudo pormenorizado dos materiais arqueolóxicos mobles recuperados, tratamento dos mesmos e depósito no museo correspondente, a toma de mostras e realización de analíticas para datacións e análises medioambientais; ademais de traballos de conservación e acondicionamento básico.
Finalmente, está prevista unha visita comentada de remate de campaña aos xacementos arqueolóxicos do Preguntoiro o domingo 28 de xuño, a partir das 10:30 h.
Fotos: proxecto O Preguntoiro (Pantón).

