OurenseÚltima hora

O próximo curso escolar 2026/27 comezará en Galicia o 9 de setembro e rematará o 21 de xuño

A orde con todas as datas oficiais publicarase este luns no Diario Oficial de Galicia, segundo adianta a Consellería de Educación

 

O curso escolar 2026-2027 comezará en Galicia o próximo 9 de setembro e rematará o 21 de xuño de 2027 para todas as etapas educativas, agás os segundos cursos dos ciclos de FP, que rematarán o 15 de xuño. A orde co calendario oficial completo publicarase este luns no Diario Oficial de Galicia.

No caso das Ensinanzas de Réxime Especial, como xa se fixo no presente curso, tendo en conta as características e particularidades deste tipo de estudos, poderá flexibilizarse o inicio das actividades lectivas ata o 16 de setembro como data máxima. Tamén cómpre subliñar que, no caso de 2º de Bacharelato, as clases rematarán de acordo coas datas que se establezan para a Proba de Acceso á Universidade, PAU.

Así pois, logo de ser abordado na Mesa Sectorial Docente, os períodos de vacacións escolares quedan fixados do seguinte modo: no Nadal, do día 22 de decembro ao 7 de xaneiro, ambos inclusive; No Entroido, os días 8, 9 e 10 de febreiro, e na Semana Santa, desde o día 22 ata o 29 de marzo, ambos incluídos. Ademais, serán días non lectivos o 7 de decembro (Día do Ensino) e as festas laborais de ámbito estatal, autonómico e local.

A orde de calendario tamén recolle que, para o vindeiro curso, as probas de avaliación de diagnóstico, fixadas polo Goberno do Estado a través da Lei de educación LOMLOE, terán lugar entre o 19 e o 23 de abril para 2º da ESO e entre o 26 e o 30 de abril para 4º de Primaria. Canto ao período de adaptación en 4º de Infantil, os centros poden optar por unha incorporación gradual que non se prolongará máis aló do 15 de setembro.

Back to top button