Un mes despois de ter o provincial en Viana do Bolo, na xornada deste sábado 13 de xuño a Federación Galega de Caza celebraba o Campionato Autonómico de Cans de Rastro Atrelado sobre Xabarín no Tecor da Pobra de Trives. “Quixemos aportar un gran de area despois dos incendios que o pasado verán asolaron esta zona, afectando ao 47% do tecor, totalmente queimado”, explica o presidente da FGC en Ourense, Vicente Lameiro.
Alí se reunían os 35 participantes de diferentes partes de Galicia, para compartir un almorzo no Bar Quintela antes de desprazarse ata o tecor, preto de Cabeza de Manzaneda, onde desfrutaban da paisaxe e do campionato. “Todos quedaron encantados coa zona, coa hospitalidade da xente e co trato recibido”, di Lameiro, asegurando que foi unha competición moi disputada que remataba cara as dúas da tarde.

O xantar celebrábano no Pazo de San Lorenzo onde degustaban produtos típicos da zona. “Tamén é unha forma de dar vida a pobos do rural un pouco esquecidos”, di o presidente da Federación, agradecendo especialmente a colaboración e dispoñibilidade do Tecor de Trives da man do seu presidente, Alfonso González Pérez, “e por suposto da Federación, dos xuíces, de todos os participantes, así como do director territorial do Medio Rural en Ourense, José Antonio Armada”. Na entrega de trofeos e ante a ausencia do presidente da FGC, Luis Eusebio Fidalgo, Vicente tivo unhas palabras para os cazadores, desexándolles bo regreso a casa.
O primeiro clasificado sénior foi Miguel Ángel Rey Montes, con Lor; o segundo Francisco Rodeiro Eiras, con Vela; e o terceiro Antonio Sánchez Sexto, con Chico. Na categoría xuvenil, o primeiro era Saleta Souto Pampín, con Alma; o segundo Joel González da Ponte, con Protos; e o terceiro Matías Cendan Regueiro, con Fleky.
Fotos cedidas.
