
O voluntariado é un dos piares fundamentais de Cruz Vermella e grazas á súa implicación e compromiso a Organización pode levar a cabo moitos dos proxectos e actividades que realiza en Galicia. Co obxectivo de “poñer en valor o seu labor”, a localidade de Baiona acollía o sábado 13 de xuño o XXVI Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia, coa presenza de máis de 250 voluntarios e voluntarias procedentes das asembleas provinciais, comarcais e locais das catro provincias galegas.
O encontro celebrábase nas instalacións do Parador de Baiona e o acto de inauguración estivo presidido por Mercedes Casanova, presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, e Gonzalo Iglesias, presidente provincial de Cruz Vermella en Pontevedra. Xunto a eles estiveron presentes Lara Meneses, directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, e Sheila González, concelleira de Turismo e Igualdade do Concello de Baiona, así como outras autoridades.

Cruz Vermella realizou a entrega de recoñecementos ao voluntariado desta edición, concedendo un total de dez diplomas de recoñecemento á acción voluntaria, tres medallas de bronce e catro de prata.
– Medalla de Prata: Purificación Serrano Caviedes, Felipe Ferreiro Feijoó, Manuel Batán
Barros e Victorino Pollán Fernández.
– Medalla de Bronce: Pilar Losada González, Paulino Baz Martínez e María Jesús Andújar
Picans.
– Diploma de Recoñecemento á Acción Voluntaria: Ana Carbajo Martínez, Carmen Barral García, Isolina Correa Ríos, María Fernández Paradela, Mercedes Troncoso Borrego, Borja Álvarez Fernández, Lorena Tarrío Cores, Manuel Antonio Amoedo Alonso, María Isabel Sabarís Núñez e Uxía Couto Escobar.

O Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia é unha cita anual na que se recoñece o compromiso coa acción voluntaria, pero ademais serve para reflexionar sobre o seu papel na sociedade actual. Por este motivo, a xornada incluíu unha charla motivacional co título “Impulsando o compromiso voluntario”, que foi impartida por Pilar González, voluntaria de Cruz Vermella en Pontevedra.
Por outra banda, organizouse unha feira de actividades de Cruz Vermella para que os asistentes ao Encontro puidesen coñecer outros proxectos que se desenvolven en Galicia, alén dos proxectos nos que xa colaboran ou que se realizan nas súas asembleas locais de referencia. Algunhas das actividades e recursos que formaron parte desta mostra estaban relacionados cos equipos de resposta básica en emerxencias, a capacitación dixital das persoas maiores, o camiño cara ao emprego ou a participación social en zonas rurais, entre outras. Ademais, o voluntariado tivo a ocasión de facer unha visita guiada pola contorna do Monte Boi.
