En portadaÚltima hora

Chega a XIII Noite Branca do Barco CCA, con novidades e unha xornada adicada aos asociados

O venres 19 os comercios participantes ampliarán o seu horario ata as 23:00 horas como é habitual, e ofrecerá descontos en produtos de tempada e dende as 20:00 ata as 23:00 horas un grupo musical percorrerá as rúas e os negocios participantes

Imaxe da “Noite Branca” do Barco CCA./ Foto: A.R

 

A Asociación Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco celebrará o venres 19 e o sábado 20 de xuño a súa decimoterceira “Noite Branca”. O venres 19 os comercios participantes ampliarán o seu horario ata as 23:00 horas como é habitual, e ofrecerá descontos en produtos de tempada e dende as 20:00 ata as 23:00 horas un grupo musical percorrerá as rúas e os negocios participantes amenizando con música as compras.

O sábado 20 de xuño celebraremos a especial NOITE BRANCA DE SOCIOS na beira do rio Sil. A xornada dará comezo ás 18:30 horas presentada pola valdeorresa Diana Ortiz. Posteriormente, arredor das 19:00 horas, contaremos coa presenza da fantástica presentadora e cantante da TVG Fátima Pego e da acróbata Reyna, que nos ofrecerán un espectáculo único de música e acrobacias.

“Ao remate da actuación, sobre as 20:00 horas, desfrutaremos dunha cea acompañada de viños da nosa comarca, nun ambiente pensado para compartir unha noite inesquecible entre amigos e socios. O evento do sábado 20 está reservado para o propietario do negocio e un acompañante ou, no seu defecto, para un traballador das tendas asociados xunto con un acompañante, sempre que non sexan máis de dúas persoas por negocio asociado”, explican dende a directiva do Barco CCA.

Con esta Noite Branca, un pouco diferente ás anteriores, “queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a todos os socios pola súa fidelidade e polo apoio incondicional que lle brindan á asociación día tras día. Grazas por formar parte deste proxecto e por seguir camiñando xuntos con tanta ilusión e compromiso”, sinala o presidente do CCA, Jacobo Arias.

 

Back to top button