ConcellosO BarcoÚltima hora

A obra de arranxo da avaría do colector do río Cigüeño (O Barco) podería comezar nun par de días

Foto: A.R.

 

O Concello do Barco xa ten autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) para proceder a intervir na avaría que se producía a pasada semana no colector de saneamento situado no río Cigüeño, nunha zona moi próxima á súa desembocadura no río Sil.  “O Consorcio de Augas xa está traballando no que é o colector xeral, que vén ao bombeo que temos aquí no Malecón, están preparando todo ese colector. Arriba agora non poden entrar porque onte, coa tormenta, baixou unha riada brutal polos dous regatos, tanto polo Mariñán como polo Cigüeño, e eles xa están planificando para que no momento o que poidan entrar ao río como intervir”, explicaba esta mañá o alcalde do Barco, Aurentino Alonso.

“A única condición que nos puxo a confederación”, engadía o rexedor, “é que temos que facer un bombeo dende o pozo de saneamento que haxa antes da zona de obras. Sería un bombeo cunha tubería xeral ata o primeiro pozo que haxa augas abaixo despois das obras, para que na zona da actuación non estean paseando as augas do colector de residuais. Entón teñen que organizar iso, meter unha bomba, traer unha tubería duns 300 metros, e facer ese by-pass, para evitar que mentres estean facendo as obras necesarias entren augas residuais ao Cigüeño”.

Dende o Consorcio, asegura o alcalde do Barco, estímase que “nun ou dous días poidan meterse alí, pero tamén ten que baixar o volume de auga que está baixando agora mesmo”.

Debido a que a desembocadura do río Cigüeño está situada á altura da praia fluvial do Malecón do Barco, dende a semana pasada o baño non está recomendado unicamente augas abaixo da saída do caudal ao río Sil. Ata ter a garantía de que o colector funciona correctamente, non se levantará a prohibición do baño.

 

Back to top button