O pasado outono comezaban na praza da igrexa de Santa María da Proba (O Barco) unhas obras de humanización que están a provocar dende os primeiros meses o malestar da veciñanza da zona, tanto polos trastornos que lles están a causar, como polo xeito no que se están a desenvolver os traballos e polo resultado dos mesmos.
“Dende o mes de outubro levamos con este despropósito. Temos que recoñecer que tiveron uns meses de chuvia pero deixáronnos nese tempo no puro barro sen poñer uns accesos seguros ás casas. Cando levantou o tempo, seguiron sen aparecer; ata que veu unha tormenta que alagou a casa dunha veciña e as zanxas feitas, e tapadas, fundíronse provocando fochancas. A raíz diso personouse, no mesmo día a Policía Local, enviada por un concelleiro co que contactamos. Fixeron un informe no que relataban a perigosidade do sitio para os veciños e os accesos nunhas malas condicións, co conseguinte perigo, nas entradas das casas”, explican os veciños da praza.
Despois diso, contan os veciños que tiveron unha reunión co alcalde do Barco, “que non nos deu unha solución máis menos efectiva. A raíz disto viñeron botar zahorra e preparar mellor os accesos ás casas; volvendo desaparecer máis ou menos case un mes”.
Tamén din os veciños que, despois a empresa regresou “para botar o pavimento, causando danos nas fachadas e deixando o pavimento nun estado lamentable. Por parte do director de obra comunicouse que terían que levantar por bloques todo o mal feito. A día de hoxe estamos comprobando que iso non se está facendo senón que van a pequenos remendos que quedan igual de mal. Os veciños levamos sufrindo isto fai oito meses case nove; e o único que queremos é recuperar a nosa vida normal, xa que nos vemos obrigados a non ter servizos esenciais por culpa das obras, así como a sufrir dificultades que antes non tiñamos á hora de traer a compra ou outros servizos básicos. Vemos que isto se alonga no tempo; unha obra que non debía durar máis de tres meses coma moito vai camiño do ano. E nós queremos recuperar a nosa vida normal”.
Sobre esta situación preguntaba o grupo municipal do PP, en concreto o edil José Luis Tamayo, ao alcalde, Aurentino Alonso, na sesión plenaria do Barco deste mes, celebrada o 4 de xuño. A súa resposta era que “as obras ata que non se reciben son propiedade da empresa que as está executando e é obriga de quen as dirixe, pois dirixilas e darnos o produto acabado conforme ao que está previsto no proxecto”.
Así o rexedor sinalaba que “sobre iso de momento non podo opinar porque a obra está en execución e hai unha dirección de obra e de execución e un proxecto é un produto que se terá que entregar”. Tamén sinalaba que era coñecedor do malestar existente entre a veciñanza da praza da Proba. “É unha obra que tiña que estar probablemente en tres meses executada, tamén é verdade que neste inverno foi case imposible facer nada nunha obra en exterior, con desprendementos de terra, compactacións… Realmente a obra que debería ter comezado no outono, comezou por marzo. Temos que esperar a ese resultado final a ver o que deciden os técnicos, se é que está mal ou non está mal, hai que deixarlle unha marxe”.
Fotos de diferentes momentos da obra cedidas polos veciños.


