
O Clúster da Pizarra de Galicia estará presente do 17 ao 19 deste mes de xuño na segunda edición de Stonegal, a Feira Internacional da Pedra Natural, que se desenvolverá no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI). Esta organización sectorial contará na mostra cunha superficie expositiva de 72 metros cadrados deseñada polo arquitecto Carlos Quintáns Eiras. “Está concibida como un espazo para poñer en valor a calidade e versatilidade da lousa galega. Os visitantes poderán descubrir a ampla variedade de formatos e aplicacións deste material natural, ademais de acceder, a través de dúas pantallas audiovisuais, a unha ampla información sobre o sector”, tal e como indica o Clúster.
Esta é a segunda ocasión na que esta entidade participa neste certame. O seu expositor “servirá como un punto de encontro con profesionais, empresas e institucións, favorecendo o intercambio de experiencias e a creación de novas oportunidades de colaboración”, asegura Severino González, xerente do Clúster da
Pizarra de Galicia.
Stonegal 2026, o gran encontro internacional da pedra natural
Con esta nova convocatoria, Stonegal consolídase como o gran catalizador e punto de encontro de referencia para un sector en plena expansión, fundamentado no valor da pedra natural como material premium, a transformación dixital e o desenvolvemento de solucións técnicas avanzadas.
O evento, promovido e organizado por Natural Stone Events, une a todo o tecido industrial, extractivo e tecnolóxico da comunidade da pedra natural “para proxectar con forza este liderado nos mercados globais. Stonegal conta coa alianza estratéxica do sector da pedra natural de Galicia, que é referente internacional en materiais como o granito e a lousa”, segundo asegura a organización da feira.
Nesta segunda edición, o encontro dá un gran salto cualitativo orientando a súa estratexia para potenciar o valor do material e o deseño exclusivo, servindo de panca clave para a proxección internacional e a apertura de novas oportunidades de negocio no mercado global da arquitectura, o interiorismo e a prescrición.
Despois do éxito da súa primeira edición no 2025, na que o salón superou todas as súas expectativas de asistentes e visitantes profesionais, nesta segunda edición reúne a máis de 120 expositores directos e prevé superar a barreira dos 6.000 profesionais do sector, orientando a súa estratexia de forma moi definida cara ao mercado internacional. O gran eixo de encontro deste ano será o Summit “Arquitectura e Pedra”, un foro de vangarda concibido para derrubar barreiras técnicas e demostrar que a pedra natural é un material actual, competitivo, calculable e sostible para a edificación, a rehabilitación e o espazo público.

