
O Partido Popular do Barco vén de emitir esta mañá un comunicado de prensa no que informa de que vén de solicitar “formalmente a convocatoria dunha comisión informativa específica para abordar a situación da rede de saneamento municipal e as recentes incidencias detectadas no tramo urbano da N-536”.
Para o Partido Popular, esta comisión informativa “debe servir non só para coñecer o estado real de ambas infraestruturas e esixir as responsabilidades que correspondan, senón tamén para poder formular propostas e solucións que contribúan a mellorar o municipio. O Barco necesita unha maior planificación, seguimento e mantemento das súas infraestruturas básicas. Os problemas non aparecen dun día para outro e, precisamente por iso, a xestión municipal debe ser capaz de detectalos e afrontalos antes de que terminen afectando á veciñanza”.
Así mesmo, en relación co saneamento, os populares sinalan que “non é a primeira vez que se producen incidencias que afectan a contorna do río Sil, unha situación que evidencia a necesidade de coñecer o estado real da rede municipal, as actuacións realizadas ata a data e a planificación prevista para corrixir as deficiencias existentes. Alén das posibles consecuencias para a saúde pública e o medio ambiente, o Partido Popular considera que este tipo de situacións tamén afectan á imaxe do Barco e de espazos especialmente representativos e frecuentados tanto pola veciñanza como por visitantes”.
Por outra banda, os populares consideran que “as incidencias detectadas recentemente na N-536 xeraron preocupación entre veciños e usuarios dunha das principais vías de comunicación do Barco. Resulta imprescindible coñecer o alcance dos problemas detectados, as actuacións levadas a cabo e as medidas previstas para garantir o adecuado mantemento desta infraestrutura, unha cuestión que non só afecta á seguridade e ao correcto funcionamento dos servizos, senón tamén á imaxe e calidade urbana do Barco”.

