CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Unha noite máxica, de xogos e acampada, pon o broche ás actividades deste curso no CEIP Xosé M. Folla Respino

 

Na tarde do luns 15 de xuño, o alumnado de Infantil e Primaria do CEIP Xosé Manuel Folla Respino participaba nunha actividade moi especial: “unha acampada no colexio que lles permitiu vivir unha experiencia diferente, chea de diversión, convivencia e momentos inesquecibles”.

Dende as 19 horas os nenos e nenas foron chegando ao centro cargados de ilusión para desfrutar dunha tarde-noite diferente. “Ao longo da xornada realizaron diferentes xogos de entretemento e actividades deportivas, compartindo risas, fortalecendo os lazos de amizade e gozando dunha experiencia de convivencia fóra do habitual”, explican dende o CEIP, engadindo que chegada a hora da cea, “todo o alumnado puido degustar unha saborosa pizza, recuperando forzas para continuar coa programación da noite”. A continuación, celebraban unha sesión de cine acompañada de flocos de millo, que “creou un ambiente acolledor e festivo no que todos e todas desfrutaron dunha agradable velada”.

 

 

Ao rematar a película, algúns alumnos e alumnas, especialmente os máis pequenos, regresaron ás súas casas acompañados polas súas familias. Pola súa banda, os que decidiron quedar a durmir tiveron a oportunidade de vivir unha experiencia única, compartindo unha noite diferente cos seus compañeiros e compañeiras.

“A noite transcorreu con total tranquilidade e, xa na mañá deste martes, os participantes espertaron con ilusión para desfrutar dun delicioso almorzo antes de poñer fin á actividade”, din dende o colexio, asegurando que tanto o alumnado como as súas familias valoraron moi positivamente esta iniciativa. “Os nenos e nenas amosáronse encantados coa experiencia, destacando a diversión e os momentos compartidos, mentres que as familias expresaron a súa satisfacción e agradecemento por unha actividade que favoreceu a convivencia, a autonomía e a creación de recordos inesquecibles. Sen dúbida, esta acampada converteuse nunha experiencia moi especial para toda a comunidade educativa, poñendo un fermoso broche final ás actividades deste curso escolar”.

Fotos cedidas.

Back to top button