CulturaCulturaEducaciónMúsicaÚltima hora

“As Pegadas do Baile”, un proxecto pioneiro para achegar en Verín o baile tradicional á cidadanía a través do espazo público

A iniciativa, promovida polo Concello de Verín e creada por Artur Puga e a escola Seisporoito, converterá a vila nun dos primeiros lugares en incorporar esta innovadora proposta de difusión do patrimonio inmaterial galego

Cedida.

 

O venres, 26 de xuño, ás 11:00 horas presentarase na Praza do Concello de Verín, o proxecto “As Pegadas do Baile”, unha iniciativa pioneira que busca achegar o baile tradicional galego á cidadanía mediante a creación de espazos interactivos no espazo público. A presentación estará aberta e contará coa participación dos nenos e nenas das ludotecas municipais de verán.

Promovido polo Concello de Verín e desenvolvido a partir dunha idea orixinal de Artur Puga e da escola de baile tradicional Seisporoito, o proxecto nace co obxectivo de reivindicar e divulgar o baile tradicional galego a través dunha proposta artística, educativa e participativa. Dirixido polo propio Artur Puga, “As Pegadas do Baile” forma parte da filosofía do programa “Ven e Baila”, proxecto interdisciplinar centrado na defensa e difusión do baile tradicional como elemento fundamental do patrimonio cultural galego.

“As Pegadas do Baile” consiste na representación artística de pasos de baile no chan mediante unha secuencia numérica que permite ás persoas seguir as indicacións e aprender os movementos de forma intuitiva, lúdica e accesible. Cada instalación incorpora ademais códigos QR que permiten ampliar a experiencia con explicacións, vídeos e contidos complementarios relacionados cos distintos pasos e ritmos tradicionais.

No caso de Verín implantaranse dous dos ritmos máis representativos do baile tradicional galego: a muiñeira e a xota, convertendo o espazo público nun lugar de encontro coa cultura popular e facilitando que persoas de todas as idades poidan descubrir e practicar estes bailes tradicionais dun xeito sinxelo e divertido.

A concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira, salientou que “As Pegadas do Baile son un exemplo de como podemos conservar e divulgar o noso patrimonio inmaterial utilizando formatos innovadores, participativos e accesibles para toda a cidadanía”. Segundo indicou, «esta iniciativa converte o espazo público nun lugar de aprendizaxe, encontro e transmisión cultural, reforzando o compromiso de Verín coa posta en valor das nosas tradicións».

Artur Puga, creador e director de “As Pegadas do Baile”, é unha das figuras máis destacadas na promoción do baile tradicional galego na actualidade. Director de Seisporoito, escola que aposta pola profesionalización e expansión deste ámbito cultural, participou nos últimos anos en proxectos artísticos vinculados á danza e á música tradicional galega, colaborando con iniciativas de referencia do panorama cultural galego. A través de Seisporoito vén impulsando diferentes proxectos orientados á divulgación e transmisión do baile tradicional, sendo esta iniciativa unha nova aposta por integrar o baile tradicional na vida cotiá, favorecendo a súa difusión e presenza nos espazos de convivencia da comunidade.

Para o Concello de Verín, a incorporación de “As Pegadas do Baile” supón unha aposta pola innovación cultural, a posta en valor das tradicións e a creación de novos espazos de participación cidadá arredor do patrimonio inmaterial galego.

Presentación dentro da Foliada Seisporoito

A presentación de “As Pegadas do Baile” enmárcase na programación da Foliada Seisporoito, organizada por devandita escola, que se celebrará tamén o venres 26 de xuño en distintos espazos da vila.

A xornada comezará ás 11:00 horas na Praza do Concello coa presentación oficial do proxecto. Xa pola noite, ás 21:00 horas, a Praza García Barbón acollerá un obradoiro de baile tradicional impartido por Artur Puga, aberto á participación de toda a veciñanza.

A partir das 22:00 horas terá lugar unha foliada-concerto coa participación de Untovello, As Xunquereteiras, Conxunto Sisto e Silveiras do Támega, continuando a celebración desde as 00:00 horas cunha foliada libre na rúa Montemaior.

Con esta programación, Verín converterase durante unha xornada nun punto de encontro para a música e o baile tradicional, reforzando o seu compromiso coa conservación, difusión e transmisión da cultura popular galega.

Back to top button