
Unha das zonas máis castigadas polas fortes chuvias das tormentas desta tarde de 17 de xuño era a de Viana do Bolo. A peor parte levábana Pradocabalos, A Bouza, O Castro, e tamén houbo problemas en Pixeiros. Ata tal punto que se cortaba a OU-533 (A Rúa-A Gudiña), á altura de Pradocabalos, polo desbordamentos e arrastres e temíase pola ponte.
“A estrada é competencia da Xunta de Galicia, pero non apareceu ninguén desta administración e tivemos que contratar nós a unha pala. A ponte estivo bloqueado e estivo ameazando con virse abaixo. Agora estamos na aldea da Bouza e isto é dantesco, nunca vin cousa igual. A rúa principal está toda chea de pedra, hai baixos de casas inundados, coches aplastados, esborrallada a estrada, cuns socavóns impresionantes…”, explica o alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Ávila, que está percorrendo os lugares máis afectados.

Indica tamén que en “Pixeiros tamén tiveron problemas coa auga, no Castro tamén, e dentro da localidade de Pradocabalos agora xa baixou o nivel, pero inundáronse os baixos. Isto é algo dantesco, a ver se as administracións se fan cargo porque eu non sei o que vai pasar”, lamentaba.
Imaxes cedidas.

