BaloncestoDeportesÚltima hora

A I Andaina “Os Pichís” sairá da praza César Conti, na Rúa Vella, o 5 de xullo

Organizada pola Asociación Sociocultural Sabugueiro contará con tres distancias de 20, 15 e 5 km

 

Nova proposta lúdico-deportiva para este verán. A Asociación Sociocultural Sabugueiro organiza a I Andaina “Os Pichís” que se celebrará o domingo 5 de xullo, no concello da Rúa, un circuíto que combina tramos urbanos con tramos de monte, cunhas distancias aproximadas de 20, 15 e 5 km, con saída na praza César Conti.

Os horarios de saída e o trazado concreto estarán condicionados pola proba na que participe cada persoa: as andainas longa e curta ás 9 horas e a mini andaina ás 10 horas.

A proba conta coa colaboración do Concello e de Protección Civil da Rúa e haberá avituallamento durante a andaina. Ademais ao final da andaina haberá unha pinchada para todos os participantes e ao remate, un sorteo de varios agasallos entre as persoas participantes na andaina, empregando como referencia o número de dorsal asignado.

 

 

Haberá bolsa do corredor (camiseta, auga e barriña enerxética e una bolsa/mochila) que poderá recollerse no atrio da Igrexa da Rúa Vella o sábado 4 de Xullo en horario de 18 a 20 horas, unha vez formalizada a inscrición, ou ben o propio día do evento unha hora antes da saída.

O prezo da inscrición é de 15 euros para as persoas adultas (17 anos ou máis cumpridos o día da proba) e de 8 euros para as persoas menores (ata os 16 anos cumpridos o día da proba). Os menores de 16 anos poderán participar nas andainas de 14 e 5 km.

O prazo de inscrición estará aberto ata o venres 3 de xullo de 2026 ás 12 horas a través da web de Carreiras Galegas. Tamén será posible realizar a inscrición de maneira presencial nos seguintes establecementos: Mapfre, O Colmado, Narjoysa e Xardinalia (A Rúa) e Trisport (O Barco), ata as 20 horas. “Ademais, permitirase a inscrición presencial o propio día da proba, o domingo 5 de xullo, ata 15 minutos antes do inicio da proba, sempre que queden dorsais dispoñibles. Daranse bolsas do corredor ata fin de existencias”, segundo o regulamento da proba.

Back to top button