OurenseÚltima hora

O OUFF presenta o cartel da súa 31 edición, unha obra ilustrada de Xulia Vicente

É unha homenaxe explícita a tódalas profesións vinculadas ao cine, especialmente a aquelas que traballan detrás das cámaras, e ao espírito lúdico que leva aos artistas a desenvolver o seu traballo

 

O OUFF ⋅ Ourense Film Festival presentou esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel o cartel oficial da súa 31ª edición, nun acto que contou coa participación de Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense; Marcos Vázquez, director técnico do OUFF e director da Área de Cultura da Deputación de Ourense; Óscar Doviso, director artístico do OUFF; e Xulia Vicente, autora da imaxe que acompañará o festival neste 2026.

O Ourense Film Festival continúa así o seu compromiso coa creación galega, apostando por artistas que renovan a linguaxe visual do festival e reforzan a súa conexión coa cultura contemporánea. Durante a rolda de prensa, o presidente da Deputación destacou o novidoso do cartel comentando que «seguro que vai sorprender e revolucionar ao público do OUFF», mentres que Óscar Doviso puxo en valor «a potencia narrativa» da obra de Vicente, unha das creadoras máis recoñecidas da banda deseñada galega contemporánea.

Unha obra que reflicte as profesións vencelladas co cine

Luis Menor, presidente da Deputación, quixo destacar que «esta aposta tan distinta para o cartel do OUFF vai unida ao noso obxectivo de seguir ensanchando o público do festival. Queremos que sexa un evento cultural para todo tipo de públicos, de aí que a programación non se centre no cine soamente, senón que hai opcións para tódolos gustos».

Nesta 31 edición, o OUFF ⋅ Ourense Film Festival terá coma imaxe unha homenaxe sincera e explícita a todas as profesións vinculadas ao cine, especialmente a aquelas que traballan detrás das cámaras, pero tamén ao xeito de facelo. «Quería que transmitise a idea do gozo que se sinte durante o proceso artístico. Foi coma lembrarme a min mesma o motivo polo que empecei a debuxar, con mil probas, coma un xogo. Por iso aparecen estes personaxes tan novos nunha actitude tan lúdica», explicou Xulia Vicente.

A base da ilustración é un gran ollo —a mirada do creador— que se abre a ver, compartir e debater sobre as obras artísticas doutros autores e autoras para que se plante a semente da creatividade e da creación artística. Así, xérase esa árbore de transmisión de ideas que permite que proliferen as obras e o talento. Tal e como o ve Vicente,  «a arte move discursos, move cousas. Xa dende as Covas de Altamira había unha necesidade de compartir ideas cos demais, e iso é o que quixen representar: a creatividade aliméntase das conversas sobre outras obras artísticas».

Outro dos elementos máis destacados da peza da coruñesa, que ademais cobra moito protagonismo na versión animada do cartel, son as aves que representan precisamente a abundancia de ideas, proxectos e talento que ten o panorama cinematográfico actual. A garza, tan característica das marxes do río Miño en Ourense, ten o seu protagonismo entre os paxaros representados, conectando toda a obra coa nosa cidade.

«É pouco habitual ter encargas deste tipo: tiven moita liberdade creativa e iso tamén me xerou dúbidas sobre o camiño a tomar», explicou Xulia, «pero para min foi moi refrescante ter a oportunidade de vestir un evento desta magnitude cos meus debuxos».

O director artístico do festival, Óscar Doviso, sinalou que «traballar con Xulia foi sinxelo e que a idea era que o cartel tivese a súa impronta, como así se conseguiu». A continuación, presentouse a versión animada do cartel, unha novidade que xa estivo presente na 30º edición e que volve este ano coa intención de que «o cartel cobre vida e poida estar presente en tódolos formatos audiovisuais, tendo moito máis protagonismo ca se soamente tivésemos a versión estática». Esta peza foi animada por Soraya Picouto e sonorizada por Sebastián Mato.

 

 

Un festival para facer provincia

Luis Menor insistiu na idea de que o OUFF ⋅ Ourense Film Festival ten a vocación de ser un evento cutural que estea presente na provincia durante todo o ano. «Queremos que contribúa a preservar, aumentar e dinamizar o ecosistema cultural de todo Ourense, que potencie e reteña talento», dixo Menor, que tamén indicou que o OUFF «é unha das iniciativas que nos axuda a facer provincia, a ser un elemento máis da identidade única e carcterística de Ourense».

Pola súa banda, Marcos Vázquez asegurou que «dende o equipo do Ourense Film Festival estase a traballar coa intención de ser un referente no panorama actual de festivais cinematográficos, así coma de ter unha programación que ocupe todo o ano».

Xulia Vicente, unha das voces máis destacadas da ilustración actual

Nacida en Cariño (A Coruña) en 1993, Xulia Vicente é ilustradora e autora de banda deseñada cunha traxectoria consolidada tanto no ámbito galego como no estatal e internacional. Formada na Universidade Politécnica de Valencia, comezou publicando en fanzines como Sacoponcho —do que foi cofundadora— e Compota de Manatí. A súa primeira obra longa chegou en 2015 co volume Anna Dédalus: O misterio da mansión queimada, realizada xunto a Miguel Ángel Giner Bou e Núria Tamarit. Posteriormente publicou títulos como Duerme Pueblo (2016) e Ari, cazador de dragóns, iniciando a triloxía Selo de Dragón.

A súa obra destaca polo uso expresivo da cor, a forza dos personaxes e unha estética influída pola cultura do cómic internacional e o manga. Ademais de publicar en editoriais como La Cúpula ou Sallybooks, colaborou con revistas e proxectos de ámbito estatal e internacional, incluíndo 2000 AD, Nimio, Jot Down ou Arròs Negre. En 2022 recibiu un Premio Ignatz polo cómic La jinete me aguarda / I See a Knight, recoñecemento que consolidou a súa proxección fóra de España.

A imaxe servirá como identidade visual do festival, que celebrará a súa 31ª edición do 25 de setembro ao 4 de outubro de 2026 en Ourense.

 

 

 

 

 

Back to top button