
A portavoz nacional, Ana Pontón trasladaba esta mañá toda a solidariedade do BNG á cidadanía afectada polas riadas no sur de Ourense e pediu a intervención inmediata da Xunta para que todos os danos ocasionados sexan reparados e se restitúa a normalidade o antes posible.
Así o manifestou desde Xinzo de Limia na presentación de Camilo Vila como candidato do BNG á Alcaldía nas eleccións municipais de 2027 e desde onde se trasladou a Viana do Bolo para coñecer de primeira man dos veciños e veciñas os danos ocasionados polas riadas desta pasada noite.
Ante unha situación na que houbo momentos “de moito risco” e na que moitas persoas “sentiron medo”, Pontón quixo en primeiro lugar trasladar á cidadanía afectada todo o apoio e toda a solidariedade do BNG e poñerse “á súa disposición para todo o que sexa necesario”.
En segundo lugar, instou á Xunta “a actuar de inmediato para que todos os danos producidos sexan reparados e restituír a normalidade nos espazos públicos, retirando toda a lama, a vexetación e os escombros acumulados para garantir a seguridade das persoas”, o que considerou o máis importante neste momento. “Hai que retirar todos eses escombros que arrastrou a riada e restablecer todos os servizos básicos para poder recuperar a normalidade canto antes”, remarcou.
Logo desta “primeira urxencia”, a líder nacionalista reclamou unha avaliación dos danos para poñer a disposición tanto dos concellos como das persoas afectadas “os recursos necesarios para poder paliar o impacto” das riadas, tanto no referido ás infraestruturas e o mobiliario urbano, como nos danos ocasionados a familias, empresas e explotacións.
Por último, Pontón instou a esclarecer as causas do acontecido, “dado que se ben é certo que os episodios de tormenta e choiva non é algo novidoso no País, quizais non se están facendo ben as cousas no monte despois dos lumes para evitar este tipo de situacións”, advertiu en relación aos solos afectados polos incendios.
Unha reflexión que considerou precisa facer no seu momento, dado que o máis urxente agora é que se repoña canto antes a normalidade, para o que instou á colaboración de todas as Administracións. “Que todas as Administracións colaboren para restablecer o máis rapidamente posible a normalidade nas vidas das persoas afectadas e que haxa axudas para que os danos destas riadas non supoñan unha carga maior nin para as empresas, nin para os concellos nin, sobre todo, para as familias”, concluíu.

