
Arredor das once da mañá deste 19 de xuño o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, trasladábase ata Vilamartín de Valdeorras, para visitar as zonas máis afectadas polas chuvias e os arrastres do pasado mércores. “Estamos a facer unha visita a algúns concellos que resultaron afectados esta semana polas chuvias e as riadas que se produciron e trasldarlle todo o apoio á alcaldesa e a veciñanza e ver os desperfectos que se produciron e botar unha man para intentar subsanalo”, comentaba Calvo, que estaba acompañado pola alcaldesa de Vilamartín, Sherezade Núñez, e por outros concelleiros.
Así mesmo, indicaba Calvo que, “en primeiro momento, o que están a facer é habilitar de novo as estradas para que non quede ninguén incomunicado e afortunadamente non houbo danos persoais. E despois loxicamente facer unha reflexión sobre as obras que se necesitan levar a cabo para que non volva a ocorrer e para que se poidan subsanar os desperfectos que haxa”.
Lembraba ademais que na xornada de onte tambén estaba visitando os distintos concellos o delegado territorial da Xunta,” estivo a conselleira tamén en Viana e hoxe queríamonos achegar tamén a Vilamartín porque era outro dos sitios máis afectados. E, sobre todo, hai que ser conscientes da situación de medo que pasaron os veciños e de preocupación. Neste momentos o que corresponde é estar ao seu lado e a partir de aquí ver como podemos botar unha man”.


