
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense vén de aprobar na súa sesión ordinaria semanal un total de 50 asuntos, mobilizando recursos por importe de 1.201.220,12 euros nos expedientes que contan con dotación económica definida.
O presidente provincial, Luis Menor, destacou que os acordos adoptados constitúen unha nova mostra do compromiso da institución coa cooperación municipal, a prestación de servizos públicos de calidade e a colaboración permanente co tecido social, deportivo, económico e cultural da provincia.
Do total dos fondos aprobados, 630.080,62 euros corresponden ao bloque de cooperación municipal, mentres que 571.139,50 euros se destinan á colaboración con entidades sociais, deportivas, empresariais e de promoción territorial.
Luis Menor subliñou que os acordos aprobados nesta Xunta de Goberno permiten seguir fortalecendo os servizos municipais, apoiar ás entidades que traballan diariamente pola provincia e avanzar nun modelo de cooperación útil, próximo e eficaz que ten como único obxectivo mellorar a calidade de vida dos ourensáns.
“Falamos de investimentos que chegan a todo o territorio provincial e que responden a necesidades moi diversas, pero cun mesmo obxectivo: que vivir en calquera concello da provincia de Ourense sexa cada vez mellor”, concluíu o presidente provincial.
Máis de 630.000 euros para os concellos da provincia
O primeiro gran bloque de acordos céntrase na cooperación cos municipios, principal eixo de actuación da institución provincial. Neste apartado inclúense as modificacións do Plan CooperOU solicitadas polos concellos da Bola, Pereiro de Aguiar e Melón, así como diferentes investimentos e actuacións por importe de 630.080,62 euros destinados á mellora de infraestruturas, servizos públicos e proxectos estratéxicos.
Entre as actuacións máis destacadas figura unha subvención de 150.000 euros para a primeira fase da ampliación do polideportivo municipal de Barbadás, así como 40.000 euros para o arranxo de vía pública na Madalena, no Concello de Monterrei, e 31.500 euros para o mantemento da estrada a Cimadevila, en Manzaneda.
Tamén se aprobaron 36.607,17 euros para honorarios de redacción de proxectos, dirección de obra, asistencia técnica e coordinación de seguridade e saúde no Concello de Toén; 28.000 euros para a terminación do galpón de Lordelo, no Concello de Padrenda; e 2.546,45 euros para a redacción do proxecto de actuacións en camiños rurais no Concello de Bande.
No ámbito dos servizos ás familias e da conciliación, a Deputación aprobou unha achega de 60.000 euros para o funcionamento do Punto de Atención á Infancia (PAI) de Sandiás.
Ademais, a institución provincial colaborará con máis de 54.000 euros en iniciativas innovadoras impulsadas polo Concello de San Xoán de Río. En concreto, destinaranse 18.131 euros ao proxecto Rural Move, 13.219 euros ao proxecto Rural EU, 16.867 euros ao Festival da Lonxevidade e 5.000 euros á organización dun campus deportivo.
A sesión tamén incluíu outras actuacións destinadas á elaboración do Plan de Incendios de Riós, ao mantemento de instalacións deportivas municipais e á organización de actividades deportivas locais en distintos concellos da provincia.

Apoio aos servizos de emerxencias: 200.000 euros para os GES
A Xunta de Goberno aprobou unha nova liña de apoio ao funcionamento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), cun investimento global de 200.000 euros.
As axudas distribúense entre os GES de Castro Caldelas, A Gudiña, Laza, Muíños e a Mancomunidade da Comarca de Celanova, que recibirán 40.000 euros cada un para sufragar os seus gastos de funcionamento durante o exercicio 2026.
O presidente provincial, Luis Menor, destacou que a Deputación de Ourense continúa a ser a única deputación galega que conta cunha liña específica de apoio económico para estes servizos, considerados esenciais para garantir a seguridade, a protección civil e a resposta ante emerxencias no medio rural.
Máis de 571.000 euros para entidades sociais, deportivas, empresariais e territoriais
No capítulo de colaboración con entidades, a institución provincial aprobou axudas por importe de 571.139,50 euros.
No ámbito social, a Deputación aprobou unha achega de 50.000 euros para a Asociación Aixiña, 25.000 euros para o proxecto Home Galicia da Fundación Monte do Gozo e 24.139,50 euros para a Asociación Recreativa As Burgas, destinados á renovación das camas do seu servizo residencial. En total, preto de 100.000 euros destinados a entidades que desenvolven un labor fundamental de apoio ás persoas e aos colectivos máis vulnerables.
O deporte concentra unha parte importante dos acordos aprobados, cun investimento global de 205.000 euros. Entre as entidades beneficiarias figuran o Ourense CF, que recibirá 70.000 euros; o Club Deportivo Barco e o Pabellón CF Ourense, con 30.000 euros cada un; a Unión Deportiva Barbadás, con 20.000 euros; o Club Bádminton Athlos, con 15.000 euros; a Federación Galega de Hockey e a Escudería Lobios, con 12.000 euros cada unha; o Club Salvour, con 6.000 euros; e a Semana Abanca de deportes náuticos, que contará cun apoio de 10.000 euros.
Promoción económica e apoio ao tecido empresarial
A Xunta de Goberno deu luz verde a unha subvención de 115.000 euros para a Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, destinada aos gastos de funcionamento e mantemento da entidade.
Así mesmo, aprobouse unha achega de 80.000 euros para o programa ExportOU da Confederación Empresarial de Ourense, iniciativa orientada a impulsar a internacionalización das empresas ourensás.
A Deputación reforzou tamén a colaboración con entidades de carácter supramunicipal mediante unha achega de 50.000 euros para a Mancomunidade da Comarca de Celanova e outros 20.000 euros para a Mancomunidade Turística Carballiño-Ribadavia-Boborás-Leiro.
No ámbito cultural aprobouse unha subvención de 12.000 euros para os gastos de funcionamento do Museo da Limia, así como unha achega de 2.000 euros para a Asociación Bearicense Daniel Prado Lamas destinada ao desenvolvemento dos seus proxectos e actividades.
Organización do próximo curso nas escolas provinciais
A Xunta de Goberno aprobou ademais diferentes asuntos de carácter organizativo para preparar o vindeiro curso académico, entre eles a programación 2026-2027 e a fixación dos prezos públicos da Escola Provincial de Artes e Oficios, da Escola Provincial de Gaitas e do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo.
Tamén se aprobaron as bases reguladoras e a convocatoria de bonificacións ás entidades usuarias das instalacións do Pazo dos Deportes Paco Paz para a próxima tempada deportiva.
Ademais, a Xunta de Goberno adoptou acordos de carácter técnico-administrativo relacionados coa tramitación da asistencia técnica para a execución dos Plans de Actuación Integrada de Valdeorras e Ourense Sur.
Publicacións do Plan Anual de Publicacións 2026
A sesión serviu tamén para aprobar os prezos públicos de dúas das publicacións incluídas no Plan Anual de Publicacións 2026 da Deputación de Ourense, que serán editadas a través da Sección de Arquivo e Publicacións.
Trátase da edición en castelán da obra Paso a paso por la Vía de la Plata. El Camino Mozárabe en la provincia de Ourense, para a que se establece un prezo de venda ao público de 25 euros máis IVE, e da publicación Ismo. Concello de Cenlle. Estudo para a intervención no medio rural, cuxo prezo queda fixado en 34 euros máis IVE.
Ambas as obras forman parte da aposta da institución provincial pola divulgación do patrimonio histórico, cultural e territorial da provincia e pola promoción do coñecemento a través das publicacións impulsadas pola propia Deputación.

