
O Salón de Plenos do Concello de Ribadavia acolleu na mañá deste luns a presentación de O Son dos Colleiteiros, unha iniciativa impulsada pola Asociación de Colleiteiros do Ribeiro e de Vitivinicultura Artesanal de Galicia que converterá o Ribeiro nun espazo de encontro entre viño, cultura, música e patrimonio ao longo dos meses de xullo e agosto.
A programación concluirá o próximo 22 de agosto cunha gran romaría na capital do Ribeiro, consolidando a Ribadavia como referente histórico e cultural do viño galego e como escaparate privilexiado para a promoción dun dos principais sinais de identidade da comarca.
Durante a presentación púxose en valor a aposta por desenvolver actividades nos propios viñedos e adegas do Ribeiro, vinculando a experiencia vitivinícola coa paisaxe, a tradición e a cultura do territorio. Un modelo que busca poñer en primeiro plano o patrimonio material e inmaterial da comarca e que segue exemplos doutras rexións europeas de forte tradición vitivinícola.
A programación arrancará o 4 de xullo en Casal do Canteiro coa actuación de Kike Carrera e continuará con citas en distintas adegas da comarca cada sábado ata o 16 de agosto. O peche terá lugar en Ribadavia cunha gran xornada festiva que reunirá música tradicional, gastronomía e os viños dos colleiteiros participantes.
Desde o Concello de Ribadavia destacouse a importancia de iniciativas que contribúen a dinamizar a actividade cultural e turística da comarca, ao tempo que reforzan a imaxe da vila como capital histórica do Ribeiro e punto de encontro para a promoción do viño e da cultura arredor del.


