
Segundo o anunciado, o Concello do Barco, a través da súa Concellería de Deporte e Xuventude, celebra esta tarde a X edición da Andaina do San Xoán, con saída e meta na praza Otero Pedrayo de Viloira. Di o Concello que, na súa última actualización, “a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) rebaixou o nivel vermello do aviso por temperaturas máximas anunciado onte, ao nivel amarelo a partir do mediodía de hoxe e ata a noite, onde se poden acadar os 38 ºC”.
Ante esta situación, aconséllase reforzar a inxesta de líquidos e utilizar roupa e calzado adecuados para a actividade. “Prégase que ante calquera problema de saúde, prioricen a seguridade. Lémbrase que poden asistir á pancetada e festa posterior igualmente, portando o seu dorsal, se estiman que non deben realizar a camiñada”, segundo sinala o Concello do Barco.
A proba dos nenos consistirá nunha xincana á sombra na Praza de Viloira. Para a proba dos adultos, o percorrido é plano, sen costas e aproveitando todas as sombras ao longo do Paseo do Malecón.

