
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle mañá xoves, 25 de xuño, a xornada técnica “Intervencións transfronteirizas derivadas de riscos naturais”, unha iniciativa promovida pola Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e organizada en colaboración coa Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB) e a Deputación de Ourense. A actividade enmárcase no proxecto europeo ATEMPO (Adaptación Territorial ante Emerxencias e Modernización da Protección Operativa), cofinanciado polo Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
A Deputación de Ourense participa nesta iniciativa como entidade colaboradora, reafirmando o seu compromiso coa seguridade da cidadanía, a cooperación institucional e a incorporación da innovación tecnolóxica como ferramenta para anticipar riscos e fortalecer a capacidade de resposta fronte ás emerxencias.
A xornada reunirá en Ourense a profesionais e especialistas procedentes de distintos territorios de España e Portugal para analizar experiencias, ferramentas e estratexias de actuación fronte a dous dos riscos naturais con maior impacto na contorna transfronteiriza: os incendios forestais e as inundacións. O obxectivo é favorecer o intercambio de coñecemento técnico e operativo, reforzar a coordinación entre organismos e impulsar a aplicación de novas tecnoloxías na xestión das emerxencias.
Entre os contidos previstos destacan a análise de casos reais recentes, como as inundacións rexistradas en Cádiz durante o inverno de 2026, así como diversas intervencións centradas no papel da intelixencia artificial, as plataformas dixitais de coordinación operativa e as solucións avanzadas de hidrometeoroloxía aplicada á prevención e resposta ante emerxencias.
O encontro está dirixido a profesionais dos servizos de extinción de incendios e salvamento, persoal de protección civil, técnicos de emerxencias, especialistas en meteoroloxía aplicada, creadores de solucións tecnolóxicas para a xestión de riscos e representantes institucionais vinculados ao proxecto ATEMPO en Galicia, Castela e León e o norte de Portugal.
A celebración desta xornada permitirá tamén dar visibilidade ao proxecto ATEMPO e ao traballo conxunto dos seus socios transfronteirizos, reforzando unha das súas principais finalidades: mellorar a interoperabilidade e a capacidade de resposta dos sistemas de protección civil ante situacións de emerxencia que superan os límites administrativos e requiren unha actuación coordinada.

