
Segundo informan os equipos de intervención, “cinco persoas tiveron que ser trasladadas para recibir atención sanitaria, unha delas tras ser liberada do interior dun dos vehículos implicados”, nun accidente no Pereiro de Aguiar, na tarde deste xoves 25 de xuño.
O 112 Galicia tiña constancia do accidente contra as 16:25 horas a través de varias chamadas de particulares que alertaban “dunha colisión na N-120, á altura do quilómetro 562, ao seu paso por Vilariño, no concello do Pereiro de Aguiar”, din, explicando que xa nos primeiros avisos “indicábase a posible existencia dunha persoa atrapada” e pouco despois, “o condutor dun dos vehículos implicados puido confirmar esta circunstancia ao persoal da central de emerxencias”.
Desde o 112 Galicia informaban aos efectivos do GES do Pereiro de Aguiar, aos Bombeiros de San Cibrao, á Garda Civil, á Policía Local e ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. “Unha vez no lugar, os equipos de intervención tiveron que retirar unha das portas dun dos turismos para facilitar a saída dunha persoa ferida que finalmente era trasladada ao centro hospitalario de referencia xunto con outras catro que tamén resultaron feridas no accidente”.

