
Durante os séculos de existencia o Couto Mixto rexíuse por un ordenamento xurídico-constitucional propio dun Estado indepenente nun territorio de 26,9 km². Coexistíu no tempo con outros en Europa con menos extensións. Reparemos nos 0,44 km² do Estado do Vaticano ou nos 2,08 km² do Principado de San Marino. Pouco máis grande en extensión era, e segue a ser, a República de San Marino con 61 km². En todos eles os seus habitantes gozan dunha estimable “renda per capita”. Non é difícil imaxinar o que sería actualmente o Couto Mixto de non ser disolto pola Lei de Lindes aprobada polos reinos de España e Portugal en 1863. Sería un Estado territorialmente pequeno, pero posiblemente con moitos recursos económicos, tantos coma os que ten o Estado Andorrá con representación diplomática na ONU.
Como queda dito, os veciños do Couto Mixto vivían con liberdades das que estaban privados os veciños cidadáns de España e Portugal. Mentres nestes territorios imperaban os absolutismos feudais e monárquicos, no Couto Mixto tiñan como forma de goberno a república. Os seus cargos elixíanse por sufraxio electoral para un período de varios anos. Esta característica tan peculiar foi unha excepción nun contexto histórico de acusada inestabilidade política.
Luís M. García Mañá rescatou das tebras da historia os nídios perfís daquela república na súa obra “Couto Mixto,m unha república esquecida”, editada no ano 2000 polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. Servidor recibíu do seu autor a honra de escribir o prólogo a tan trascedental relato histórico. Poucos anos antes da publicación da monografía constituírase a Asociación de Amigos do Couto Mixto.
Para coñecer as relacións de boa veciñanza dos pobos arraianos vou facer mención a un relato do prestixioso xornalista Alfonso Sobrado Palomares, nado no lugar próximo da Portela, que hai uns anos foi nomeado Xuíz Honorario do Couto Mixto; un relato moi ilustrativo da ósmose existente entre os pobos transfronteirizos.
“Cando o meu pai araba na leira, as vacas daban a volta en Portugal, porque encontraba pegada á raia. E hai alí a capela dos Santos, que é portuguesa. Está pegada á finca. A proximidade é tan grande que nalgunha ocasión que fomos o día da festa, sentando a xantar na cabeceira da nosa parcela, ao carón da capela. A botella de viño estaba en terra portuguesa e a empanada e os chourizos en España, ou ao revés”. O convivío non o impedía unha fronteira que só existía nos mapas topográficos. Eu escoiteille outro relato que me marabillou. Resulta que cando levaba as vacas a pacer estas, por veces “pasábanse da raia”, adentrándose en territorio estranxeiro. Un guardiña portugués, celoso da súa función, berrándolle, insistíulle máis dunha vez ao neno pastor que chamase por elas porque estaban en territorio de soberanía portuguesa. Mandado que cumpría aquel neno sen ter que amosar pasaporte na alfándega.
O próximo sábado día 4 celebrarase o tradicional acto de nomeamento dos novos Xuíces Honorarios, sendo elixidos para tal dignidade a Asociación de Mulleres Rurais A Raia de Baltar, o fotógrafo don Xurxo Lobato e o filólogo portugués don Marcos Neves. Elas e eles son os grandes valedores da pervivencia da memoria histórica daquela gran república dos soños que aínda aniña nas lembranzas das xentes que moran, traballan e transitan polos seus vieiros. Moitos aínda dan conta dela polo que lles escoitaron aos seus devanceiros.
Este ano a Asociación de Amigos do Couto Mixto solicitará do Pleno da Deputación Provincial que aprobe solicitar da Xunta de Galicia o nomeamento de “lugar histórico” que a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia preceptúa “para a conservación, acrecentamento, difusión e fomento da dignidade colectiva” nos espazos que teñan características de singular natureza. Con esta proposta queremos seguir afortalando o espírito memorial dun territorio que tiña como eixo vertebrador o Camiño Privilexiado e unha lingua común, expresión dunha converxencia lingüística.
Ao acto acudirán o Presidente do Parlamento de Galicia, o titular da presidencia da Deputación Provincial, Delegado do Goberno, Secretario Xeral da Lingua, e a Fiscala Superior de Galicia, que ten o orgullo patrio de ser da parroquia próxima de Golpellás; amais dos alcaldes de Calvos de Randín e Baltar. A fermosa voz de María do Ceo daralle calidez a un acto que de seu xa está cargado de emocións.
Texto: Xosé González Martínez, presidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto.
