
O Estadio Verónica Boquete de San Lázaro vén de ser escenario o 5 de xullo da cerimonia de apertura dos XVI Xogos do Eixo Atlántico, dando comezo a unha semana de competición deportiva, convivencia e intercambio cultural entre a mocidade de Galicia e do Norte de Portugal.

O acto estivo precedido pola actuación dos cabezudos de Santiago de Compostela e por diversas propostas musicais e de animación que acompañaron a chegada das delegacións ao recinto. Ás 18.30 horas deu comezo a cerimonia co desfile das 28 delegacións participantes. Entre elas estaba a do Barco, 54 deportistas e adestradores. As delegacións de Santiago de Compostela, Bragança e Viana do Castelo estiveron acompañadas por cadanseus grupos etnográficos, pondo en valor
o patrimonio cultural dos seus territorios.


Durante a cerimonia fíxose entrega do Trofeo do Xogo Limpo Nelson Cardoso, unha distinción que recoñece as actitudes e comportamentos éticos exemplares demostrados por deportistas, persoal técnico, persoas dirixentes e demais integrantes dos Xogos na edición anterior. O galardón foi entregado por Hernâni Ribeiro á delegación do municipio portugués de Amarante, representada polo concelleiro da Câmara Municipal Ricardo
Vieira.


Posteriormente celebrouse a tradicional homenaxe a unha persoa especialmente vinculada aos Xogos do Eixo Atlántico. Nesta edición, o recoñecemento recaeu en José Guilherme Aguiar pola súa contribución ao desenvolvemento desta competición, tanto como concelleiro de Deportes de Matosinhos, cidade organizadora da IX edición, como posteriormente sendo alcalde de Vila Nova de Gaia, na organización da XI edición en colaboración con Porto e Matosinhos. A distinción foi entregada pola alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e polo secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.
No acto tamén estaba presente o alcalde do Barco, Aurentino Alonso.



