
Buscando nun dicionario, Bieito Romero (A Coruña, 1964) descubría a palabra “lubre” e quedaba fascinado por ela. Daquela, a finais dos 80, formaba parte do proxecto dunha nova banda de folk e ese termo, case esquecido, pareceulle idóneo para darlle nome. “Lubre é o bosque onde os celtas celebraban os seus rituais sagrados. E no dicionario de José Luis Franco Grande recóllese que se mantén en dous topónimos da provincia da Coruña. Pareceume unha palabra a recuperar e a reivindicar, á que lle engadín a maxia e a forza da sacralidade da lúa. E así completamos o nome do grupo: Luar Na Lubre”, lembra Romero, fundador e músico (gaitas, acordeón, zanfona) desta formación, símbolo do folk galego e europeo. “Certamente é un nome rebuscado e, de entrada, parecía moi pouco comercial, como que a xente non se ía lembrar del, pero finalmente converteuse nun nome histórico na música galega”.
Neste 2026 a banda cumpre catro décadas, con 21 traballos discográficos, superando os 2.500 concertos en máis de 60 países, 2 Discos de Ouro, 9 Premios da Música… E celebra esta salientable traxectoria coa xira nacional e internacional “Lubre: 40 aniversario”, que recalará o vindeiro 16 de xullo no adro do Santuario das Ermidas (O Bolo) ás 20h. As entradas (dende 19 euros) desta actuación, impulsada por Turismo de Galicia e enmarcada en Concertos do Xacobeo, poden adquirirse en www.ataquilla.com e en Ton y Son, no Barco.
Lubre dá nome a esta xira e tamén marca ao libro-disco conmemorativo deste aniversario, editado por Baía e que se presentaba a mediados de xuño. E, grazas a unha campaña promovida polo grupo en maio de 2025, esta singular verba incorporábase ao dicionario da Real Academia Galega. “Este novo traballo recolle máis de 30 achegas de arqueólogos, historiadores, filólogos, músicos e outras persoas do mundo da cultura arredor do significado da palabra lubre. E, na parte musical, conta con 12 temas inéditos, relacionados co nome do grupo, coa costa galega e coa nosa música tradicional, ademais dun bonus-track, a “Cantiga de Santa María 166”, pero mesturada con programación, unha proposta bastante transgresora”, adianta Romero.
Nas Ermidas poderán escoitarse algunhas destas novas pezas, xunto con outras de referencia no seu repertorio como “O Son do Ar”, “Chove en Santiago” ou “Tú gitana”, nun concerto dunhas dúas horas. “Sentímonos moi felices de tocar nese lugar tan fermoso, que coñezo de visitar en varias ocasións, e paréceme unha auténtica marabilla estar alí facendo a nosa música e presentando este traballo”, resalta Bieito Romero.
¿Que sensación ten cando volve a vista atrás e lembra o inicio de Luar Na Lubre?
Son 40 anos, unha vida completa e os recordos son moitísimos. O grupo comezou en 1986 con máis corazón que cabeza, coa idea de facer música de raíz dende a nosa perspectiva, sen ningún tipo de pretensións. Poder facer esa música e mesmo chegar a gravar un disco era un soño. E, agora, 40 anos despois, logo de multitude de cousas vividas; estamos vivindo o soño que tiñamos cando eramos uns mozos de 20 anos. Iso viuse claramente cumprido sendo, ademais, un deses soños bonitos porque o que desexabamos deuse todo e con moitísimas historias e vivencias de por medio.
¿Como diría que foi a evolución de Luar Na Lubre nestas décadas?
De moi diferentes maneiras, a máis notoria e vernos a nós cando empezamos e vernos hoxe. Penso que as evolucións deben ser naturais, sen forzar nada. Hai quen di o voso disco soa igual que o anterior, claro, por iso somos Luar Na Lubre, senón deixaríamos de selo. E iso acontécelle a calquera grupo ou solista histórico, polo que a evolución ten que ser lóxica, do devir do tempo, do paso de moita xente polo grupo, da aprendizaxe e da experiencia. E aí é onde está o gran contraste dun traballo a outro, á parte de que todos fomos cambiando.
Nós deixámonos levar e a evolución vén por si soa, pero mantemos a esencia coa que naceu o grupo, unha forma de traballar, un norte… Nós non facemos música tradicional galega, pero si nos inspiramos nas músicas tradicionais de Galicia e elas son as que nutren o noso repertorio. Estamos moi influenciados polas músicas de raíz galega e atlántica e logo temos un proceso de creación e de creatividade moi colectivo, traballamos en equipo e iso é unha das grandes características do grupo. E as nosas composicións tamén están inspiradas nesas músicas tradicionais, pero dende unha perspectiva actual. A partir de aí, cada un dos membros da banda vén dun mundo musical ou artístico distinto, o que xera unha serie de influencias que, dentro do propio grupo, fai que teñamos unha sonoridade tan particular.

¿Como valora a acollida, ao longo destes anos, da proposta de Luar Na Lubre por parte do público, tendo en conta a súa aposta pola música de raíz e polo galego?
Non hai ningún problema pola lingua, a música é unha linguaxe universal, independentemente de que ao mellor non entendas o que se está cantando en determinado momento. A música galega non ten fronteiras, somos nós os que creamos as fronteiras nas nosas cabezas. E iso lémbrame os inicios de Luar Na Lubre. Na Coruña en 1986, había persoas do noso entorno que nos dicían: ¿como ides cantar en galego e con gaitas? Iso é só para a xente de aquí.
Pois hoxe quizais sexamos o grupo cantando en galego e facendo este tipo de música máis internacional da nosa historia. Hai que romper con ese tipo de estereotipos ou prexuízos e demostrar que se poden facer cousas, que o galego é absolutamente internacional, como calquera outro idioma, o importante é que a túa música teña a trascendencia que debe ter. E aí é onde hai que comunicar á xente da mellor maneira posible o que estás pretendendo dicir ou transmitir coa túa música.
Esta banda é ademais unha referencia para moitas partes de España no sentido de abrir o camiño á posta en valor das músicas de raíz, tradicionais…
É así, isto cóntalo aquí e non te cren. En Galicia sentímonos moi queridos, pero tamén sei perfectamente a pegada que ten a nosa proposta fóra. Penso que fomos valentes no senso de que fomos desbrozando o camiño para que despois viñeran outras propostas e desenvolveran o seu proxecto con máis normalidade. Foi moi complicado, pero, efectivamente, callou e o público segue respondendo moitísimo ao que facemos fóra de Galicia. E iso é tamén o que mantén vivo un proxecto como o noso, xa que doutro xeito non tería percorrido, como lle pasou á maior parte das bandas de música folk galegas, que foron desaparecendo porque non eran capaces de sosterse.
A nosa idea é continuar nesa liña e , nestes momentos, un pouco máis arroupados porque comeza a haber máis xente que trascende as nosas fronteiras e que ten certa importancia xa que, ata agora, a música galega estaba como moi pechada aquí.
¿Como está sendo a xira do seu 40 aniversario?
Comezou en xaneiro e xa estivemos en Barcelona, Madrid, Sevilla, Plasencia, Murcia, Almería… E unha vez que vimos de presentar o libro-disco, vai continuar ao longo deste ano e tamén do 2027, posto que se trata dun proxecto de longo percorrido e a idea é estiralo o máximo posible para poder celebrar e, dalgunha maneira, facer pedagoxía con todo isto. E neste caso a palabra lubre é o noso motivo principal.

¿Que receptividade pensa que ten nos novos públicos, na mocidade, a música de Luar Na Lubre? ¿ten futuro?
Si. Sempre tivo moito pasado, ten presente e, por suposto, ten futuro, como calquera música ben feita. Outra cousa son os mercados, que se moven en función do mainstream, e iso hoxe está nas mans das redes sociais e das grandes plataformas, elas son as que marcan as tendencias.
¿Como ve o momento actual da música galega de raíz?
Resulta paradóxico porque nunca tantos e tan bos músicos houbo nela, e iso contrasta co que dicía antes, que non trascenden fóra de Galicia, co cal son proxectos que aguantan ata onde poden, e aí está a cuestión. Á música véxoa moi fértil, pero tamén vexo que falta unha industria detrás dela para soportar tantas propostas e facer que teñan trascendencia, que os músicos poidan vivir do que fan, iso non se dá. E esa é a anomalía.
Como fundador de Luar Na Lubre, ¿quédalle algún soño por cumprir ligado á banda?
A ilusión, o soño, o anceio que me queda por realizar é que isto continúe coa mesma idea inicial, que resultou moi ben e que se mantivo ata agora, pero, loxicamente, evolucionando. Estamos 40 anos despois con enerxía e forza, presentando un novo traballo e cunha xira potentísima e, sobre todo, cun público, tanto fóra como dentro de Galicia, envexable. O que máis desexamos os veteranos é que este proxecto teña continuidade alén da nosa presenza.
Texto: Ángeles Rodríguez.
Fotos: Arquivo Bieito Romero.

