OurenseÚltima hora

A Asociación Cultural Rebulir inicia a súa xira de verán levando a tradición galega dentro e fóra de Galicia

 

A Asociación Cultural Rebulir inicia novamente a súa habitual xira de verán, unha intensa programación de actuacións que levará a música e o baile tradicional galego por diferentes puntos da xeografía estatal e portuguesa ao longo dos próximos meses.

A primeira das grandes citas arrincaba onte, cando unha delegación de Rebulir partía cara a Cartagena, na Rexión de Murcia, para participar no Festival Nacional de Folclore, onde permanecerá ata o vindeiro domingo 12. A presenza da formación galega nesta cita é froito dun proceso de selección previo, xa que a participación quedou pechada durante o pasado ano, logo da valoración das diferentes agrupacións candidatas por parte da organización. Rebulir será así unha das formacións encargadas de representar a cultura tradicional neste encontro de ámbito estatal, compartindo escenario con outros colectivos e amosando a riqueza e vitalidade do patrimonio cultural de Galicia.

 

 

Tras esta primeira saída, durante os meses de xullo e agosto Rebulir desenvolverá diferentes actuacións na provincia de Ourense. Xa en setembro, a formación viaxará ata Logroño, na Rioxa, para participar no festival de folclore das Festas de San Mateo. A axenda continuará nese mesmo mes con novas citas en Portugal e diferentes actuacións en televisión, completando unha programación que confirma a intensa actividade do colectivo.

Rebulir, que neste curso celebra os seus 20 anos de traxectoria, consolidouse nos últimos anos como unha das formacións de referencia no ámbito do baile e da música tradicional de Galicia. Un crecemento que tamén se reflicte na súa Escola de Baile e Música Tradicional, que conta actualmente conmais de 150 socios e socias e cunha importante participación de persoas de diferentes idades.

 

 

O caso de Rebulir resulta especialmente singular pola súa orixe e asentamento no rural galego. O colectivo desenvolve a súa actividade desde Ramirás, un concello de aproximadamente 1.500 habitantes, demostrando que desde o rural tamén é posible construír proxectos culturais sólidos, innovadores e con capacidade de proxección exterior.

Porque Rebulir é hoxe moito máis que unha asociación de baile e música tradicional. É un proxecto de dinamización cultural, social e comunitaria que emprega a tradición como ferramenta para xerar participación, crear vínculos entre xeracións e contribuír á vitalidade do territorio. Desde Ramirás, e cun rural con nome propio, Rebulir continúa levando a cultura galega a novos escenarios e facendo da tradición unha realidade viva e contemporánea.

Fotos cedidas

Back to top button