
A Deputación de Ourense impulsa un ano máis o programa “Circuíto Provincial de Cine de Verán”, unha iniciativa coa que reafirma o seu compromiso de descentralizar os servizos culturais e achegar o cinema ao aire libre a un total de 30 concellos de toda a provincia.
A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández; o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, en representación da Xunta, que colabora nesta iniciativa incluída no Plan Director do Xacobeo; e o promotor do Cine na rúa, Xoan Mariño.
Rosendo Fernández afirmou que con esta proposta o Goberno provincial reafirma “o noso compromiso co rural ourensán levando o mellor do noso cinema directamente ás prazas dos nosos pobos”.
A proposta é “máis ca un proxecto cultural, xa que permite ir a espazos e concellos onde non é habitual que chegue o cine e poidan gozar desta experiencia social”, dixo Xoan Mariño, quen salientou que nalgunha localidade “atopamos a algún veciño que nunca fora ao cine”.
Pola súa parte, o director da Axencia de Turismo de Galicia destacou a importancia de colaborar con esta iniciativa incluída no Plan Director do Xacobeo, tamén para beneficiar a experiencia dos visitantes nos territorios con esta oferta complementaria. En materia turística, Merelles destacou que Ourense é a “provincia que máis medra” sinalando que nestes seis primeiros meses do ano xa son “132.000 os visitantes que se achegaron a Ourense, un 8% máis ca neste período do ano anterior”.
Este programa pon o foco naquelas localidades que carecen de infraestruturas estables para o desenvolvemento destas actividades, garantindo o acceso á cultura audiovisual e dinamizando o rural durante os meses estivais. Esta campaña busca ademais promover o cinema galego e as producións ourensás, estimulando a cohesión social e complementando a oferta turística da provincia.
Coa colaboración de Gadis e a Asociación Española contra o cancro en Ourense, a carteleira deste ano inclúe unha variada oferta de nove películas cun claro protagonismo galego, algunhas delas rodadas en Galicia ou co patrocinio da propia institución provincial, como Rondallas, Leo & Lou e Antes de Nós, entre outras.

Ampla presenza territorial na provincia
Os concellos beneficiados na presente edición do programa son: Sarreaus, Castrelo de Miño, Rubiá, Xunqueira de Espadanedo, Vilamartín de Valdeorras, Maside, Avión, Cualedro, Trasmiras, Verea, Esgos, A Teixeira, A Peroxa, Vilardevós, Ribadavia, A Pobra de Trives, Verín, Taboadela, Vilar de Barrio, Piñor, Maceda, Bande, Boborás, O Carballiño, Vilar de Santos, Larouco, Melón, Carballeda de Avia, Baños de Molgas e Lobeira.
A Deputación de Ourense busca poñer en valor a produción cinematográfica propia, espallar a cultura por todo o territorio e ofrecer unha alternativa de lecer de calidade para veciñanza e visitantes do rural durante toda a tempada estival.
