ConcellosEn portadaO BarcoÚltima hora

Tremiñá (O Barco) celebrará o seu XVIII Mercado Medieval o 18 de xullo, con novidades

 

Todo a punto para a celebración do Mercado Medieval de Tremiñá (O Barco), co que esta localidade lembra, dun xeito cultural e festivo, as súas orixes. Este ano o evento cumprirá 18 edicións e farao con algunhas novidades. Unha delas é que o programa reducirase só a un día: o 18 de xullo. “Iso si, ben completiño”, adiantan dende a organización, en mans do colectivo Tremiñá no Mapa.

Como de costume, as rúas desta localidade revivirán o seu pasado medieval, engalanadas con banderolas e ateigadas de postos de diferentes produtos, dende artesanía ata alimentación ou libros. Serán un total de 40.

O mercado abrirá as súas portas ás 11h. e, media hora despois, impartirase un obradoiro de terrarios tropicais da man de “Más y más plantas” e comezará o XIII Torneo de Bolos. A continuación, 12:30h, darase paso ás  Olimpíadas medievais, que estarán amenizadas pola música de Os Parrandas. Os premios desta competición entregaranse ás 14:30h.

A gastronomía será outro dos atractivos da celebración, tanto nos postos como nas tabernas medievais: CNV con paellas e xamón asado e O Barbudos con panceta e chourizos asados e, “coma sempre, as imprescindibles filloas de Silvia”, din os promotores.

 

 

Xa pola tarde, as actividades da feira incluirán un contacontos infantil ás 18h. da man de Tania Yáñez e a tradicional malla, que estará acompañada pola música de Abertal. Tampouco faltarán os xogos populares. E, de seguro, poderá desfrutarse dunha demostración de fiado de la e liño.

Outras novidades desta edición da Festa Medieval serán a noite de lume “grazas a Alumearte” e unha proposta singular: unha festa horteramedieval. Dende a organización animan a participar nesta cita e a desfrutar o 18 de xullo dun bo día en Tremiñá.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button