A cónsul xeral da Arxentina en Vigo, Silvina Montenegro, vén de tomar o seu cargo hai poucos meses e agora está a facer unha xira por todas as cidades e vilas máis importantes de Galicia para presentarse e coñecer a realidade do seu pobo na nosa comunidade. Hoxe, 20 de marzo, foi a quenda de Ourense. A cónsul salientou que na provincia hai rexistrados “ao redor de 1.500 arxentinos”, dos cales 700 residen na cidade das Burgas. Montenegro salientou que Ourense “non é a zona de Galicia onde a colonia arxentina é das máis numerosas, pero é un número bastante alto”. A cónsul foi recibida no Concello por parte do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o voceiro do grupo da oposición Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez; e Manuel Álvarez, de Democracia Ourensana.
O consulado da Arxentina en Vigo encargase, explicou a propia Cónsul, de cubrir toda a zona xeográfica de Galicia, Asturias e Zamora. Entre os seus traballos está o de xestionar, por unha banda, todo o que atinxe aos arxentinos que decidan trasladarse a vivir a Galicia e, por outro lado, prestan servizo aos galegos que desenvolveron a súa actividade laboral no país do río da Prata e que retornaron.
O alcalde da cidade, Jesús Vázquez, falou en nome de toda a corporación municipal e agradeceu a visita e reiterou que o consistorio ourensán está “á disposición da comunidade arxentina así como a cidade enteira”.
Texto e fotos: Carlos Asensio.