OurenseÚltima hora

O Plan Corresponsables do Goberno en Ourense financia as actividades de conciliación de 57 concellos con máis de 1,8M€

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, puxo en valor hoxe que o Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade financia este ano con 1.866.696,82 euros as actividades de conciliación laboral e familiar en 57 concellos da provincia de Ourense. Fíxoo durante unha visita a un dos campamentos de Amoeiro Concilia, enmarcado neste programa, xunto a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Susana Rodríguez e o concelleiro e portavoz, Brian Diz.

No Campo do Souto, onde se leva a cabo as actividades, o subdelegado do Goberno explicou que o Concello de Amoeiro resultou beneficiario este ano dunha axuda de 26.370 euros da liña para entidades locais do Plan Corresponsables, e que permite impulsar o campamento de verán, do que se están a beneficiar 97 familias. “Grazas a este programa, as nais, os pais e os titores poden traballar con total tranquilidade durante o verán sabendo que os seus fillos están ben coidados cun servizo público moi importante”, sostivo.

Eladio Santos indicou que o Ministerio de Igualdade concedeu o ano pasado á Comunidade Autónoma de Galicia preto de 7 millóns de euros no marco deste Programa para fomentar a conciliación e o coidado profesional. Con estes fondos a Xunta financia as axudas a concellos, ANPAS para actividades de conciliación e o Programa “Acción de Verán” que este ano chega a máis de 11.000 rapaces e rapazas. “O Goberno de España ten como obxectivo consolidar os coidados como un dereito desde a óptica da igualdade entre homes e mulleres”, subliñou.

Nesta liña, o subdelegado detallou que o Plan Corresponsables se iniciou en 2021 e hoxe está consolidado como un eixo da igualdade en toda España e concretou que “facilita aos Concellos facer actividades e campamentos sen usar fondos propios”. Desde a súa creación, o Goberno destinou a Galicia máis de 54 millóns de euros para financiar programas e accións de corresponsabilidade.

Plan Corresponsables

O Plan Corresponsables é unha política do Goberno orientada, entre outros, a favorecer a conciliación das familias con nenas, nenos e mozos de ata 16 anos desde un enfoque de igualdade entre mulleres e homes. O programa é competencia da Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres e desenvólvese en colaboración coas Comunidades Autónomas, como responsables competenciais de varios dos seus obxectivos.

Back to top button