
A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla reunía o xoves 16 de xullo en Trives nun xantar de confraternidade a gandeiros afectados polos lumes do verán pasado na provincia de Ourense cos transportistas que lles estiveron levando forraxe todo o inverno para o seu gando e cos agricultores e gandeiros doutros puntos de Galicia que donaron os rolos de silo e herba seca cos que alimentaron os animais tras quedaren sen pastos nin reservas forraxeiras.
En total, Agromuralla xestionou máis de 40 tráilers de silo e herba seca con destino a explotacións gandeiras de vacún de carne e ovino e caprino do Macizo Central ourensán e do val de Quiroga e A Rúa.
A maiores, a asociación recaudou fondos que foron empregados para costear parte dos custos de transporte dos envíos de forraxe realizados. O remanente deses cartos, destinaronse a mercar 7 pallets de tacos de comida para o gando, que foron sorteados entre os gandeiros asistentes ao xantar que sufriron o lume.

“Axudas aínda sen cobrar a día de hoxe”
A presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez, denuncia que case un ano despois, moitos dos afectados aínda non cobraron as axudas comprometidas, polo que “se non fose pola solidariedade doutros gandeiros, moitas destas explotacións terían pechado”, polo que reclama ás Administracións “a axilización dos pagos pendentes”.
“Pedimos a axilización dos pagos pendentes e coherencia á hora de xestionar as axudas, pois non se pode pretender axudar complicando máis a vida aos afectados con trámites e burocracia e aos que xa bastante difícil lles resulta afrontar a situación. De feito, temos constancia, porque así nolo dixeron moitos dos afectados, que moitas das explotacións ás que axudamos non estarían hoxe en activo se non fose polo apoio prestado entre os membros do propio sector”, indica a presidenta de Agromuralla.
Noelia Rodríguez enfatiza tamén “o valor da gandería na prevención de incendios e na loita contra o despoboamento” e pide que se adopten “medidas eficaces” para evitar que Galicia sufra unha nova vaga e lumes este verán como a sucedida no 2025 na provincia de Ourense e que afectou a ducias de explotacións agrogandeiras. “Non serve que se adopten medidas cando xa estamos en plena campaña de incendios e algúns en activo, obstaculizando as labores diarias do propio sector”, afirma.

O gando, o mellor cortalumes
As ganderías, destacan dende esta entidade, “cumpren unha función esencial na xestión activa do territorio e no mantemento” da paisaxe e do medio rural, asegura Agromuralla. “As explotacións agrogandeiras contribúen ao mantemento da paisaxe agraria e dos mosaicos agroforestais, esenciais na prevención dos incendios forestais e no aproveitamento sostible da superficie agraria útil de Galicia, consolidándose como unha ferramenta fundamental para a protección e conservación da riqueza ambiental de Galicia”, afirma Noelia Rodríguez, presidenta da asociación.
Por iso, Agromuralla pide á Xunta de Galicia que “facilite” o uso das fincas abandonadas por parte das granxas próximas e a posta en marcha dos mecanismos previstos na Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia aprobada no ano 2021.

Unión e solidariedade entre gandeiros
Tras os devastadores incendios forestais sufridos o verán pasado na provincia de Ourense, Agromuralla centrou os seus esforzos en subministar aos gandeiros das zonas afectadas comida para os seus animais, ao igual que fixera no ano 2017 a explotacións dos Ancares.
Desde entón, segundo apunta esta entidade, foron entregados 40 camións de rolos de silo e herba seca a gandeiros de Monterrei, A Mezquita, A Rúa, Manzaneda, A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa e Quiroga, unha labor que se iniciou nas semanas posteriores aos lumes e que continuou durante todo o inverno. A forraxe foi donada por socios de Agromuralla e por outros gandeiros e transportada coa colaboración de camioneiros e empresas do sector do transporte.
Fotos cedidas.
