EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

“Viños que Eclipsan”, unha experiencia única da Ruta do Viño de Valdeorras para vivir a eclipse

Bodegas Blare acollerá unha velada que combinará a observación da eclipse total á tardiña, unha cata comentada de seis viños, maridaxe gastronómico, música en directo e a observación das Perseidas

Bodegas Blare./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Ruta Viño de Valdeorras vén de presentar a súa proposta “Viños que Eclipsan”, unha experiencia enoturística “deseñada para desfrutar dun dos acontecementos astronómicos más esperados do ano: a eclipse do próximo 12 de agosto”, tal e como explica esta entidade. O escenario desta iniciativa será Adegas Blare, en Vilanova (O Barco), un “enclave privilexiado desde o que contemplar este fenómeno natural mentres se desfruta dos viños de Valdeorras, a gastronomía local e a música en directo”.

O programa comezará ás 19.30 horas coa recepción dos asistentes, que serán recibidos cunha copa de viño e cunha mesa de degustación de produtos de proximidade (Km 0). A continuación, terá lugar unha breve introdución divulgativa para comprender mellor a eclipse e coñecer as claves deste singular fenómeno astronómico.

Ás 20.25 horas chegará o momento máis esperado da tarde coa observación da eclipse total, para a que todos os participantes dispondrán de lentes homologadas, garantindo unha observación segura e cómoda.

A continuación dará comezo unha cata comentada de seis viños, dirixida por Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras; acompañada por unha maridaxe elaborada polo restaurante A Pepa. A programación continuará ás 21.40 horas cun concerto de música en directo e concluirá cun brinde baixo as estrelas coincidindo coa observación das Perseidas.

Con esta iniciativa, a Ruta do Viño de Valdeorras “continúa apostando por un enoturismo innovador, creando propostas que transcenden a visita tradicional á adega e converten acontecementos excepcionais, como unha eclipse solar, en experiencias memorables que poñen en valor a paisaxe, a cultura do viño e a riqueza gastronómica da comarca”, tal e como indica esta asociación.

Así “Viños que Eclipsan” celebrarase o vindeiro 12 de agosto en Bodegas. A experiencia ten un prezo de 45 euros por persoa e inclúe a benvida con viño e produtos Km 0, as lentes homologadas para a observación da eclipse, a cata comentada de seis viños, a maridaxe gastronómico, o concerto en directo e o brinde final baixo as Perseidas.

As prazas son moi limitadas. Toda a información e as reservas están dispoñibles na web da Ruta do Viño de Valdeorras, nas apartado “Experiencias”.

 

Back to top button