EconomíaEconomíaÚltima hora

San Xoán de Río acolle á primeira empresa constituída no seu novo coworking

Símbica establece a súa sede no municipio para "acompañar a empresas e comunidades nos seus procesos de estratexia, organización e rexeneración territorial"

 

O coworking impulsado polo Concello de San Xoán de Río dá un novo paso coa constitución da primeira empresa que establece formalmente alí a súa sede. Trátase de Símbica Consultoría, S.L., dirixida por Rocío Ovalle e especializada en estratexia, cultura organizativa, liderado, participación e transformación de equipos.

O espazo, no que xa traballan varias iniciativas profesionais, busca atraer talento, facilitar novos proxectos e conectar empresas, profesionais e recursos do territorio. A chegada de Símbica abre novas posibilidades de colaboración co tecido empresarial e social do municipio e a súa contorna.

Símbica acompaña a organizacións que atravesan momentos de crecemento, cambio ou reorganización. Os seus procesos axudan a clarificar responsabilidades, mellorar a toma de decisións, ordenar prioridades, abordar conversacións difíciles e conseguir que os equipos traballen con maior autonomía e aliñamento. “Moitas empresas non teñen un problema de falta de talento ou compromiso, senón de falta de espazos para falar do importante, tomar decisións claras e converter a estratexia nunha forma compartida de traballar”, explica Rocío Ovalle.

A consultora aplica un enfoque rexenerativo que entende as organizacións como sistemas vivos e busca fortalecer tanto o seu benestar interno como a súa capacidade para xerar valor nas comunidades e territorios dos que forman parte.

Entre outros proxectos, Símbica acompañou ao barcelonés Gimnàs Sant Pau na súa transición cara a un modelo de autogestión e a comunidades de montes de Galicia e Asturias en procesos de escoita e aliñamento estratéxico vinculados á prevención de incendios forestais.

Turismo vinculado ao territorio

Un dos sectores cos que Símbica quere impulsar novas colaboracións desde San Xoán de Río é o turismo rural. A consultora traballa con empresas e redes turísticas interesadas en fortalecer a súa identidade, mellorar a relación entre axentes e crear experiencias que acheguen valor tanto a quen visita un lugar como ás comunidades que o habitan.

Actualmente, Rocío Ovalle participa no desenvolvemento dun proxecto de liderado desde o territorio dirixido a empresas turísticas dunha rexión rural próxima a Vancouver, no Canadá. A iniciativa busca reforzar a conexión entre empresa, comunidade e contorna, e xerar aprendizaxes que poidan resultar útiles para proxectos turísticos galegos interesados en crecer de forma máis colaborativa e coherente coa súa identidade local. “O reto non é unicamente atraer visitantes ou crear empresas, senón impulsar proxectos que fortalezan o lugar e aumenten a capacidade de colaboración entre quen vive e traballan nel”, sinala Ovalle.

Unha aposta por emprender desde o rural

A elección de San Xoán de Río como sede responde á dinamización promovida polo Concello e á comunidade emprendedora que comeza a crecer ao redor do coworking. “Atraeume a vontade do municipio de xerar oportunidades reais para desenvolver proxectos desde o rural. Non se trata soamente de ofrecer un espazo de traballo, senón de crear un lugar desde o que poidan xurdir relacións, colaboracións e novas posibilidades de futuro”, explica a fundadora de Símbica.

Nos próximos meses, Símbica iniciará unha etapa de contacto e escoita con empresas, proxectos turísticos, comunidades e entidades da contorna interesadas en mellorar a súa organización ou desenvolver estratexias conectadas co territorio. “Podemos axudar a unha empresa para mellorar a relación co seu equipo, a unha rede turística a definir unha estratexia común e a distintos axentes do territorio para deseñar un proxecto conxunto”, conclúe Rocío Ovalle.

Xosé Miguel Pérez Blecua, alcalde de San Xoán de Río, destaca que a constitución desta primeira empresa confirma o potencial do coworking como ferramenta de dinamización económica, atracción de actividade e xeración de novas conexións.

Sobre Símbica

Símbica acompaña a emprendedores, empresas, administracións e comunidades en procesos de estratexia,
cultura organizativa, gobernanza, liderado, participación e transformación.

O seu propósito é contribuír a construír organizacións vivas: capaces de tomar mellores decisións,
coidar as súas relacións, adaptarse aos cambios e xerar valor para as persoas e os territorios dos
que forman parte.

Back to top button