
Cupa Group inicia unha nova etapa na súa dirección co nomeamento de Eduardo Mera como conselleiro delegado da compañía. Javier Fernández, ata o de agora CEO, pasa a ocupar a presidencia executiva, un cargo de nova creación. Ambos os nomeamentos son efectivos desde hoxe.
Así, Eduardo Mera asume a dirección executiva de Cupa Group tras máis de dúas décadas de traxectoria no grupo. Incorporouse a el no ano 2000 como director financeiro de Ramilo, empresa da que posteriormente foi director xeneral. En 2007 pasou a dirixir a división de pedra natural e, cinco anos despois, asumiu a dirección xeral do negocio de lousa, onde consolidou o liderado mundial da compañía e impulsou a modernización dos seus procesos coa innovación e a sustentabilidade como eixos estratéxicos. En febreiro de 2025 foi nomeado director xeneral de Cupa Group, asumindo a responsabilidade sobre todas as áreas de negocio.
Por outra banda, Javier Fernández asumirá a presidencia executiva despois de vinte e tres anos como conselleiro delegado. Fillo de Aureliano Fernández, un dos cinco fundadores da compañía, incorporouse ao grupo ao comezo da súa traxectoria profesional e foi nomeado CEO en 2003. Desde entón, dirixiu o proceso de crecemento e internacionalización de Cupa Group, transformando unha empresa de orixe familiar nun grupo multinacional líder mundial en lousa e referente europeo en pedra natural.
“A substitución culmina un proceso de sucesión planificado e consolida un modelo de goberno que diferenza as funcións executivas das estratéxicas”, aseguran dende o grupo. Como conselleiro delegado, Eduardo Mera liderará a execución da estratexia e a xestión diaria do negocio. Javier Fernández, como presidente executivo, centrará a súa actividade na visión a longo prazo e nas decisións estratéxicas e de crecemento do grupo. A nova estrutura permitirá dar continuidade ao desenvolvemento do plan estratéxico de Cupa Group e afrontar os retos da próxima etapa de crecemento.
Sobre Cupa Group
Cupa Group é unha multinacional formada por 79 empresas con sociedades filiais en nove países, 30 canteiras e exporta a máis de 70 países dos cinco continentes, empregando a máis de 2.800 persoas. En 2025, a súa actividade xerou 436 millóns de euros de facturación.
As tres principais liñas de negocio do grupo son Cupa Pizarras, líder mundial en lousa natural, Burton Roofing, empresa colíder na distribución de materiais para cubertas en Reino Unido, e Cupa Stone, os expertos en pedra natural, líderes en distribución en España, Francia e Portugal.