EconomíaEconomíaÚltima hora

Tahona Regalado, do Barco, entre as 50 mellores panaderías de España

 

A panadería Tahona Regalado, situada no Barco de Valdeorras, foi recoñecida como unha das 50 mellores panaderías de España no certame 50 Panadeiros Top, ao recibir unha Estrella Dir Informática da Panadería, un galardón que distingue a excelencia profesional, a calidade das elaboracións e o compromiso co oficio panadeiro.

Tras a valoración realizada polo xurado, a traxectoria deste establecemento valdeorrés foi considerada merecedora desta distinción, que recoñece a aqueles profesionais que contribúen a engrandecer o sector da panadería artesanal e a manter vivo un oficio baseado na tradición, a calidade e a innovación.

A entrega oficial dos galardóns terá lugar o próximo 14 de setembro, ás 12:30 horas, no marco do Bilbao Global Bakery Forum, un encontro de referencia para os profesionais da panadería e a pastelería que se celebrará os días 13 e 14 de setembro na capital biscaíña.

Durante esas dúas xornadas, o foro reunirá a panadeiros, pasteleiros, empresas e expertos do sector nun programa que combinará conferencias, mesas de debate e demostracións prácticas. Entre os temas que se abordarán figuran a innovación nos procesos de elaboración, a maquinaria, as fariñas, a distribución, a investigación e desenvolvemento (I+D) e os novos ingredientes aplicados á panadería e a bolería. Ademais, o encontro contará cun marcado carácter solidario a través das iniciativas impulsadas pola Obra Social de Panàtics.

 

 

Este recoñecemento supón un importante respaldo á traxectoria de Tahona Regalado, un establecemento que se consolidou como un dos referentes da panadería en Valdeorras grazas á elaboración artesanal dos seus produtos. A súa aposta pola calidade das materias primas, o respecto polos procesos tradicionais e o coidado en cada peza de pan converteron á panadería nun negocio de referencia tanto para os veciños do Barco como para clientes de toda a comarca. De feito xa conta con outras dúas Estrella Dir Informática da Panadería, ao situarse entre as 80 mellores panaderías de España.

A inclusión de Tahona Regalado entre as 50 mellores panaderías de España sitúa ademais ao Barco de Valdeorras no mapa da panadería artesanal de excelencia e pon en valor o traballo diario dun obradoiro que mantén viva unha tradición centenaria adaptándose, ao mesmo tempo, ás novas demandas do sector e dos consumidores.

Back to top button