Na mañá deste venres 24 de xullo a Adolfo Domínguez recibía unha visita moi especial. Con motivo do seu 50º aniversario a firma ourensá de moda recibía á súa Maxestade a Raíña Letizia nas instalacións que ten en San Cibrao das Viñas, Ourense.
Acompañada polo secretario de Estado de Industria, Jordi García Brustenga, a Raíña chegaba á sede da empresa, onde era saudada pola alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Novoa; e a presidenta executiva de Adolfo Domínguez, Adriana Domínguez. Tamén estiveron presentes o presidente de honra da Fundación Adolfo Domínguez, Adolfo Domínguez; a cofundadora de Adolfo Domínguez, Elena González, e a directora de Deseño, Tiziana Domínguez, xunto a outras autoridades locais.

Seguidamente, Dona Letizia accedía ao showroom, onde recibía o saúdo do Comité de Dirección da compañía e asistía a unha presentación sobre o 50º aniversario da firma, na que se proxectaron dous vídeos e ofrecéronse explicacións a cargo da presidenta executiva e do director de Sustentabilidade e director da Fundación Adolfo Domínguez, Antonio Roade.
Durante a visita, a Súa Maxestade percorría o taller de prototipos, a sala Ágora, o departamento de deseño e patronaje, o estudo de fotografía e os departamentos de Comunicación e Finanzas. Ao termo do percorrido, fotografábase cos traballadores da compañía.

Adolfo Domínguez irrompeu na moda española nos anos 80 co lema “la arruga es bella”, cunha proposta baseada na sobriedade e a liberdade que continuou ao longo dos anos, segundo a marca. Esta firma afirma que “se posiciona como líder da moda contemporánea premium, expresando unha estética única de tinguiduras artísticas e vangardistas”. Desde os seus inicios, posicionouse abertamente como unha marca de moda ética e sostible, pioneira en iniciativas de responsabilidade social. Nos últimos anos, a través de distintas campañas de marca, lanzamentos de coleccións relevantes e un compromiso específico nas redes sociais, Adolfo Domínguez quere atraer a un novo grupo demográfico máis novo á súa base de clientes.
Defínese como “unha compañía de moda de autor”, fundada en España en 1976, con presenza en 54 países a través de 380 puntos de venda, máis unha canle de venda en liña con distribución a 28 países. Ten unha facturación anual é de 139 millóns de euros. O grupo opera cun modelo combinado de tendas físicas propias, franquías e tenda en liña xestionado desde os servizos centrais, situados en Galicia. Forman parte da compañía máis de 1.000 profesionais, dos cales o 80% son mulleres, baixo o liderado de Adriana Domínguez como presidenta executiva.

Fotos cedidas.