O Merendoiro, actividade promovida pola concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade a través de Outonía S. Coop. Galega, chega á recta final da súa programación cun balance moi positivo, tanto pola participación como pola acollida das actividades desenvolvidas ao longo do mes de xullo.
O vindeiro martes día 4 de agosto, ás 20 horas nos Xardíns da Casa Grande de Viloira, celebrarase unha pequena mostra de teatro social aberta ao público, que servirá como peche desta primeira etapa do proxecto, e permitirá dar a coñecer o traballo realizado polas persoas participantes durante o obradoiro.
O programa contou con 9 actividades programadas, das que 8 xa se desenvolveron con éxito, quedando unicamente pendente a xornada de sendeirismo, que foi adiada debido ás altas temperaturas propias desta época do ano.

Ao longo desta edición desenvolvéronse propostas de carácter creativo, artístico e participativo como os obradoiros de maquillaxe de fantasía, upcycling, teatro social, cerámica e artesanía natural, entre outras iniciativas, configurando unha programación diversa e adaptada aos intereses da mocidade.
A resposta da veciñanza superou as expectativas iniciais, rexistrándose arredor de 100 solicitudes de participación. A elevada demanda fixo que practicamente todos os obradoiros contasen con lista de agarda, poñendo de manifesto o interese que esperta O Merendoiro, unha iniciativa de lecer alternativo e creativo que ofrece á mocidade un espazo de aprendizaxe, convivencia e participación.
O peche definitivo do proxecto terá lugar no outono coa celebración da xornada de sendeirismo, momento no que se dará por rematada oficialmente esta edición dun programa que deixa un balance moi satisfactorio e consolida o Merendoiro como unha proposta de lecer alternativo e creativo de referencia no municipio.