
O Concello de Viana do Bolo vén de emitir un comunicado co que “quere denunciar publicamente os graves danos ocasionados de forma intencionada na estrada de acceso á Servainza, onde alguén levantou e destrozou unha parte importante do firme co único obxectivo de impedir a circulación”.
Segundo explican, “trátase dun acto de vandalismo totalmente inaceptable que prexudica directamente á veciñanza, impede o acceso á localidade por esta vía e supón un importante risco para a seguridade das persoas usuarias da estrada”, din, asegurando que “o máis lamentable é que estaba previsto iniciar nestes días os traballos de arranxo desta estrada, unha actuación moi demandada pola veciñanza. Por desgraza, este grave sabotaxe obrigará a avaliar os danos o que, probablemente, provocará un atraso no inicio das obras, co conseguinte prexuízo para todos/as”.
Dende o Concello de Viana do Bolo “condenamos con firmeza este tipo de comportamentos, que atentan contra o patrimonio público e supoñen un custo económico que acaba recaendo sobre toda a cidadanía; e facemos un chamamento á responsabilidade e ao respecto polos bens comúns. Coidar do noso patrimonio é un deber de todas e todos”, conclúen.