En portadaÚltima hora

O Orfeón Trivés estreará a versión musical do poema de Xosé Luna ‘Trives Noble’, o 8 de agosto no Auditorio Julio Vázquez

Será ás 20 horas e contará coa presenza dos autores do poema e da música, así como do pianista Fabio Álvarez

O Orfeón Trivés no concerto por Santa Cecilia no Centro Galego de Madrid./ Foto: Nacho Moreno.

 

“Hai actos que son un mero compromiso na axenda cultural do verán e outros que se converten no latexo de toda unha comarca”. Así o ven dende o Orfeón Trivés que organiza para o vindeiro o 8 de agosto, ás 20 horas no Auditorio Julio Vázquez de Trives ” unha desas veladas destinadas a permanecer no recordo colectivo”, o seu concerto de verán.

Pero non será un concerta máis. “Non é só música, tamén arraigamento, identidade e personalidade propia, coa estrea dun himno emocional”. O Orfeón Trivés, presidido por Aurelio Álvarez e dirixido por Sandra González, vestirá de longo por primeira vez a adaptación de Trives noble, o poema que o escritor Xosé Luna regalou á vila e a Julio Ancohea, “o neumólogo poeta, que leva a súa Terra na lapela do corazón” e ao que agora dotan de aire e melodía.

A velada, plantexada “cunha narrativa que busca emocionar tanto como divulgar”, estruturarase en tres bloques entrelazados pola palabra e a harmonía. O primeiro, será Voces con Raíz e Memoria cun repertorio qe viaxará desde a tradición ata a poesía lírica contemporánea coa interpretación de Vira Virou, Cantares, Tres cantos andinos e o clásico Quérote.

 

 

Tras este primeiro tramo, o Dr. Julio Ancochea, fillo predilecto de Trives e impulsor da agrupación, lembrará o vínculo do coro coa súa terra e revivirá aquel fito memorable para o Orfeón que foi a súa actuación no Centro Galego de Madrid o pasado Día de Santa Cecilia.

Despois chegará o segundo bloque, Virtuosismo ao Piano e Emoción Compartida, no que o escenario sumará a mestría e o prestixio internacional do pianista trivés Fabio Álvarez, quen acompañará ao Orfeón en tres fermosas cancións: Negra Sombra, Adiemus e Pomba Dourada.

O terceiro e último bloque será O Colofón Lírico coa intervención de Xosé Luna, autor do poema orixinal, e de David Álvarez, autor da música, que dará paso á presentación en primicia da adaptación musical de Trives nobre, creada á medida da agrupación coral.

 

TRIVES NOBLE

Trives noble, vetusta, celta – romana
dende a fermosura das túas atalaias admirada.
Trives Aire, Ouro, Ceo, Vía Nova, Cruz de Malta
por dezanove cometas de prata custodiada.

Vizosos ríos, profundas carballeiras,
centenarios soutos, romarías ledas.
Brancas galerías, lendas, pazos, vellas pedras
beleza amada da túa cerna.

Palabra, soños, amoríos primeiros,
memoria viva dos nosos devanceiros.
Un tempo entre fuxidío e eterno,
Trives, a nosa Terra, fogar materno.

E Bartolomeu, o noso Santiño,
de fama tan milagreira,
ao que lle pedimos boa saúde
e moito sosego na conciencia.

A Pobra de Trives o seu himno canta,
resoa polo universo da bonanza
cunha mensaxe de paz e esperanza
de amor e irmandade que abrillanta.

Xosé Luna

Back to top button