
A AA.VV. San Lourenzo de Arcos, no concello de Vilamartín de Valdeorras, vén de presentar un escrito de denuncia ao Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA), por mor do “estado de abandono no treito do paso subterráneo da N-120 e da súa área de influencia, afectando igualmente a un tramo do Camiño de Inverno”, dano que, segundo explican, se orixionou o pasado 17 de xuño a raíz da tormenta que afectou gravemente a Valdeorras, e que conlevou o desbordamento do río Farelos no punto kilométrico 458 + 500 aproximadamente da citada estrada nacional.
Dende a asociación veciñal aseguran que veñen a “alertar da situación de desastre ambiental na que se atopa esta zona do pobo de Arcos, e que perante a falta de actuación por parte do concello de Vilamartín de Valdeorras máis do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostenible, lévanos a vislumbrar novos episodios de inundacións, podendo verse afectadas as vivendas próximas ao paso subterráneo”.
Explican que se atopan “co paso subterráneo pechado; a veciñanza con moitas dificultades para atender aos animais que teñen ao outro lado da vía do ferrocarril, para o cal están obrigados a cruzar a estrada nacional nunha zona con tres carrís, co risco dun posíbel atropelo; o Camiño de Inverno que transcorre pola vía de servizo ao carón da estrada nacional sen limpar, acumulándose a lama en ambas as dúas cunetas; a canalización das augas residuais que baixan dunha parte do pobo de Arcos a rebosar polo pésimo trazado que no momento da construcción do paso subterráneo tiveron a ben proxectar”.
Finalmente aseguran que “é urxente a intervención das administracións públicas na zona en cuestión, por tanto, reclamámoslle que se poñan mans á obra para dar resposta ás nosas necesidades, as cales están cargando con elas a propia veciñanza. A demora das administracións públicas na cobertura destas labouras poderá ocasionar novamente, entre outras, perdas económicas, na nosa veciñanza”. Polo tanto instan “ás administracións á áxil resposta para sanear a zona do paso subterráneo no pobo de Arcos”.